Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 26/12/2023 | Coidarnos para coidar

Mirando atrás para encarar o futuro con máis enerxía

#Biocoidados

26/12/2023 | A Limia

Dous anos traballando no Proxecto #Biocoidados é un tempo suficiente para valorar logros conseguidos, lembrar anécdotas, realizar melloras, saborear aprendizaxes consolidadas e agradecer a participación de moitas persoas e profesionais da Comarca.
A Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER), a través dos seus Centros, entre eles o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, puxo en marcha en 2022 o proxecto ‘Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais’, un proxecto concedido polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 que está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais e financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.
Biocoidados é un proxecto de innovación social en materia de prevención da institucionalización, desinstitucionalización e desenvolvemento de servizos de apoio comunitarios no ámbito de coidados no noso medio rural, que pon en valor o Modelo de Intervención de Atención Integral Centrado na Persoa.
Nestes dous anos coñecemos, traballamos, 58 Historias de Vida; de persoas que viven en 17 núcleos de poboación distribuídos por toda a Comarca da Limia.
Con cada Historia de Vida aprendemos un pedazo da historia da Comarca, do que se sente ao emigrar, ao retornar; escoitamos logros, perdas, anécdotas…e coñecemos os seus desexos, intereses e necesidades. Durante estes dous anos moitas persoas conseguiron alcanzar os seus obxectivos en diferentes áreas persoais; foi un traballo moi gratificante e complexo, xa que se necesita ter unha visión holística para traballar dunha forma integral e inclusiva.  
Dando o salto á comunidade, desde o mes de febreiro de 2023, semanalmente veciñas e veciños de Boado, Freixo, Laroá, Lodoselo, Rebordachá e Xinzo de Limia, participaron nas 155 sesións grupais nas que cada semana, unhas 55 persoas compartiron o seu tempo, as súas risas e realizaron actividades de cociña de aproveitamento, decoración de espazos comúns, preparación de adornos de nadal, visitas culturais, relixiosas, tardes de cinema, actividades de memoria, de ximnasia de mantemento….
Debuxar un percorrido que vai desde o persoal ata a vida en comunidade é o noso traballo, “tentar conectar con” e “tentar conectar a”, promover sinerxias que favorezan a creación ou o fortalecemento das redes de apoio comunitario. Asinamos 18 convenios de colaboración cos que puidemos achegar recursos de interese comunitario á Comarca:
• A Asociación Diabética Auria veu a Laroá e Boado para impartir o Taller de Veciñanza Saudable, co que  puidemos aprender hábitos de vida saudable para previr a obesidade e a diabetes en cinco sesións presenciais con diferentes profesionais.
• A Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido, fixo un importante despregamento de recursos para poder levar a cinco núcleos de poboación da Comarca sesións de Cinema,  charlas de sensibilización, traballo de intervención de Terapia Ocupacional e Logopedia con persoas con DCA e formación para persoas traballadoras.
• A Asociación de Familiares de Enfermos/as de Alzheimer de Ourense, veu impartir o Taller de Coidarnos para Coidar, onde persoas coidadoras puideron compartir experiencias e aprender algunhas estratexias para afrontar o día a día dos coidados e de autocuidado.
• Coa Asociación Limisi, temos exposto iniciar o voluntariado interxeracional no que persoas que acoden a Limisi poidan realizar labores de acompañamento a persoas que viven soas en Xinzo de Limia.
• O Centro Sociocomunitario de Xinzo de Limia cedeunos espazos para poder traballar con participantes de Biocoidados, facilitounos toda a información sobre a programación de actividades e moitas persoas coñeceron o servizo de podoloxía.
• Coa Asociación Orensividade iniciamos agora a colaboración para realizar un receitario sinxelo, onde persoas maiores da Comarca van contar as súas receitas e persoas participantes de Biocoidados van recoller a información e van elaborar as receitas.
• A Universidade de Vigo apoiounos e asesorounos nesta andaina.
A coordinación con Servizos Sociais e SERGAS permitiunos integrar e desenvolver mellor as actuacións deseñadas con moitas persoas participantes en Biocoidados.
As colaboracións, o traballo coordinado e a implicación son os ingredientes para poder construír redes de apoio, consolidar relacións e coñecer a realidade do día a día.
Para terminar o resumo destes dous anos de traballo, queremos destacar e agradecer as novas incorporacións de participantes de Biocuidados ao Voluntariado do CDR. Persoas que con xenerosidade decidiron colaborar nalgunhas actividades de carácter social de forma desinteresada e coas que senten parte da nosa familia. Susana, Lourdes e Verónica colaboran nas visitas que fan os grupos a Lodoselo, Mateos colabora coa recepción e organización de alimentos para entregar a familias desfavorecidas e Carlos está a axudarnos a pintar o Centro Social de Rebordachá. Pero tamén estamos a promover o voluntariado noutras entidades como  o Futbol Club Antela de Xinzo de Limia onde o Javi vai colaborar da man de Pablo Losada.
Terminamos o ano 2023 coa satisfacción de facer un bo traballo e con moita enerxía para afrontar o ano 2024.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias