Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 21/12/2023 | Ocio. Allariz. Biocuidados 2

Desfrutando do Nadal en Allariz

Unha actividade de ocio saudable en comunidade

21/12/2023

A palabra “ocio” ten a súa orixe no latín “otium”, que significa repouso ou descanso. As actividades de ocio son necesarias para o bo desenvolvemento das persoas e compartilas coa comunidade proporciónanos un aumento das capacidades sociais como a implicación, a vontade, a solidariedade e a comunicación.
O feito de practicar actividades de ocio saudable é sinónimo e garante unha mellora importante na nosa calidade de vida xa que, entre outros motivos, apórtanos numerosos beneficios sobre a nosa saúde mental, estado de ánimo e satisfacción persoal.
O compromiso coa implicación da comunidade é a razón de ser do proxecto de Biocoidados; por iso o pasado venres, día 15, un grupiño de persoas participamos dunha saída a Allariz para contemplar como esta vila se implica na decoración das súas rúas en Nadal.
Todos os adornos están elaborados manualmente con materiais naturais que, ou ben restan das podas vexetais, ou se reutilizan doutros eventos, sobre todo do Festival Internacional de Xardíns. O Concello, con esta iniciativa, trata de lanzar unha mensaxe a favor do desenvolvemento sustentable homenaxeando a nosa terra e os nosos recursos. Trátase dun dos mellores exemplos da importancia da participación e implicación dos membros da comunidade na consecución dun obxectivo común.
Estas accións enmárcanse no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADO PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU, proxecto piloto promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER). 


 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias