Accesibilidad

Noticias 

© El Camino ESS | 06/12/2023 | Con la burra

Primeira xornada "é aldea, é vida": El camino ESS

Unha experiencia familiar no CDR e na Arca da Noe

06/12/2023 | Lodoselo

Proposta na que se lles oferta ás familias un tempo de calidade visitando o Pobo escola de Lodoselo (Sarreaus), coñecendo e participando da nosa proposta educativa e de recuperación do patrimonio cultural e social da comunidade rural. Logo, unha deliciosa comida en Vilar de Santos, na " Arca da Noe". Esta experiencia inclúe a comida con produtos ecolóxicos e de proximidade na taberna e música en directo.
Pois ben, a modo de pilotaxe, un grupiño de 15 persoas iniciamos esta aventura no CDR O Viso o pasado domingo, 3 de decemrbo. Un día de frío, cunha boa xeada no que comezamos visitando unha estancia quentiña e nela á xente da vivenda comunitaria “A túa outra casa”. 
E xogamos, foi necesario enerxizarnos. Con nós, sempre, o Eo e a Muma acompañándonos. Coñecemos os espazos da antiga casa reitoral e preparamos a comida das galiñas, patos, ocas, pavos e coellos. E fómoslla levar. Observamos as diferenzas entre estas aves, collemos os ovos... e abrímoslle as gaiolas a algúns para que saíran cara o campo da Lama. Tamén metemos algunhas galiñas no galiñeiro móbil. E acomodamos os coellos, acariñámolos e démoslle un coliño a uns pequenos duns 20 días Tamén lle demos pan ás ovellas e sacámolas a pacer nun dos pasteiros que hai arredor da igrexa.
Montamos algunhas das crianzas na Terra (a nosa burriña) e aínda tivemos tempo de xogar un pouquiño (cos zancos, a roucha, o sacapauciños...) tentando entrar en calor. Collemos algunhas sementes do noso Banco de Sementes e fomos cara o Espazo de estimulación sensorial que temos arredor do Centro de Inclusión; e exploramos a través do xogo; para o deleite do espírito e os sentidos (vista, oído, tacto, olfacto e mesmo o gusto pois as cociñeiras tamén nos deron algún doce); toda unha aventura para ser conscientes e crear consciencia.
Despois a xornada continuou na ARCA DA NOE en Vilar de Santos con exquisitas propostas gastronómicas de proximidade.
https://experiencias.elcaminoess.com/itinerario/es-aldea-es-vida
“O Camiño ESS”, ten como fin poder contribuír á construción dun novo modelo turístico con base nos valores e principios vinculados á Economía Social e Solidaria (ESS). As iniciativas que formamos parte do proxecto recoñecemos, compartimos e contribuímos a alcanzar os principios de equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, compromiso coa contorna, cooperación e repartición xusto da riqueza.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias