Infórmate > Noticias 

Noticias 

Pateando o Monte do Viso: minas, pedras, paisaxe, historia...
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

27/03/2021 | Lodoselo-Nocelo da Pena

E aprendendo en moi boa compaña

1 de 8

Nesta espléndida mañá de primavera tiñamos organizado un pequeno encontro despois de que a semana pasada xa estiveramos visitando as bocas e chemineas das minas no Viso: Tomás, Encarna, Víctor e Toño. Agora tamén estaban con nós Manolo e José Ramón; un arqueólogo (Manuel G. Valdeiras) e un xeólogo (José Ramón Seara Valero) para axudarnos nesta pescuda arredor da temática das minas de estaño e wolframio nas que nos atopamos inmersos e con elas dun mellor coñecemento da nosa contorna.

Despois da visita ás obras das casas da Memoria, alimentar e/ou sacar os animais ó monte, subimos á Cidá (como lle chaman moitos habitantes a este espazo). Nesta ladeira do Viso botámoslle unha ollada a algunha bocamina e xa o Víctor nos traía unhas fichas topomineralóxicas non só de aquí senón da comarca da Limia. Datos do Boletín Mineiro do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España dos anos 1948, 1949, 1952 e 1954. Datos da provincia de Ourense entre os que aparecen recollidos os de Sarreaus (xacementos formados por varios filóns de pegmatita mineralizados en casiterita e wolframita) polos pobos de Paradiña, Freixo, Freande, Sarreaus, Lodoselo, Nocelo da Pena e Escornabois.

Visitamos a tumba antropomorfa que temos localizada nesta contorna e gozamos as moitas achegas destes estudosos falando de González de Ulloa, da posible ubicación da ermita de San Pedro, do Señorío de Monterrei, de eremitas, de Homero e Estrabón...

E seguimos cara a Pena da Moura e subimos ata a Cerca, o pequeno castro duns 100m. de diámetro e a uns 780 m. sobre o nivel do mar no que hai un marco contemporáneo de formigón para sinalar a división entre os montes de Nocelo da pena e Lodoselo, unha proba, di Manuel G. Valdeiras cando escribe sobre o "Forum Limicorum" de que o castro é unha referencia obrigada de demarcación territorial.

Unha sorte gozar destas paraxes e ó tempo aprender, entender un chisquiño mellor a historia e a conformación desta paisaxe que nos envolve. E sobre todo facelo tan ben acompañados. Moitísimas grazas.

 

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Noticias

Hosting por

Radio Lodoselo

banner

 

        

Boletín
 

 

Mantente informado/a

 

Recibe o noso boletín

Máis info

Acepto a política de privacidade. FUN INFORMADO, ENTENDO E AUTORIZO O TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS

 

 

aceptacookies