Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 15/11/2023 | Premios Agader 1

Recibimos o premio AGADER ó desenvolvemento rural de Galicia na categoría de interese social

Dirixido ás iniciativas que contribúen de maneira singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada

15/11/2023 | Santiago de Compostela

Este mércores 15 de novembro estabamos convocados ó acto de entrega de Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia (XIV edición) en San Domingos de Bonaval. Máis de medio cento de candidaturas que nos presentaramos a algunha das oito categorías: de mocidade, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agro gandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria.
A dotación orzamentaria total que destina a Consellería do Medio Rural a estes galardóns é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. O obxectivo destes premios é recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.
Nun acto moi organizado e guiado por Xiana Albor, comunicadora ambiental, a primeira en tomar a palabra foi Inés Santé que entre outras cousas agradeceu a nutrida presenza de autoridades (Secretarios xerais, Directores xerais, Delegado da Xunta en Ourense... Conselleiro de Medio Rural) e o recoñecemento ós proxectos singulares presentes. Tras lembrar as máis de 90 iniciativas xa recoñecidas dende o 2003 na que naceron estes premios e contarnos que lle quixeron dar unha identidade propia a esta XIV edición pasaron a ir dicindo as dúas finalistas en cada categoría (das que puidemos ver algunhas imaxes dos seus proxectos e unha breve explicación), para inmediatamente descubrir o proxecto gañador coa entrega dun galardón e a posibilidade de dispor dun minuto para os agradecementos.
O acto que contou con dúas actuacións, a do Mago Teto e a de Catuxa, rematou coa intervención do Conselleiro de MR que falou deste coma un acto especialmente querido, de manter as tradicións que nos fan mellores e do desenvolvemento que se apoia nelas; fixo un percorrido por cada unha das experiencias gañadoras e unha referencia cando falou do CDR O Viso a unha comarca tan extraordinaria como a Limia.
Porque somos o que agradecemos, velaquí un recoñecemento a todas as persoas que ó longo destes 38 anos fixeron e seguen a facer posible o que nos parece necesario: coidar as persoas, coidar a terra, coidar a comunidade. Graciñas; grazas tamén ás entidades e administracións que nos posibilitan os medios e nesta ocasión a AGADER por apreciar a nosa candidatura merecedora deste galardón.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias