Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 16/10/2021 | Limuhe 1

Visitamos a Limuhe, a Dama da Lagoa

No día Internacional das Mulleres Rurais

16/10/2021 | A Limia

 No CDR "O VISO" festexamos, un ano máis, o Día Internacional das Mulleres Rurais  que se celebrou o venres 15 de outubro.

Queremos facernos con esta celebración un recoñecemento por todo o que implica ser muller rural: coidar, soster, unir, querer, traballar, conciliar, dinamizar, estar... e un chamamento á necesidade de coidármonos a nós mesmas nun mundo que cada vez nos esixe máis e máis.
É por isto que nese día organizamos e realizamos a visita ó obradoiro do escultor Xosé Lois Carreira en Parada de Ribeira (Xinzo de Limia) para que nos amosara a súa última obra: "LIMUHE", e contaranos a súa visión desa grande escultura que lle adica ás mulleres limiás.

Trátase dunha peza de case sete metros de altura e 150.000 quilos de peso. Feita en granito a partir de dous grandes bloques, Lois traballa á "moda tradicional": con cincel, lima, pico e punteiro; como el mesmo di: “é algo laborioso e hai que empregar no proxecto meses de traballo”.

A talla refírese ó mito da feminidade antelana. “Trátase dun tributo a Limuhe, vinculada á gran tradición feminina da comarca». A tamén coñecida como Dama da Lagoa pretende recoñecer o papel decisivo xogado pola muller desde a prehistoria, pasando polo mito da Cidade de Antioquía ata o rol esencial das mulleres do rural”

Representa a unha moza emerxendo das augas da Lagoa, aludida no manto de auga decorada con espirais. Na parte inferior, aínda que só esbozados, unha serie de signos recollen referencias agrarias, heráldicas e etnográficas de aquí. Unha reivindicación da muller forte. A dama que emerxe das augas é unha muller nova pero impón autoridade, rompe co modelo da muller pasiva. Mestura o fascinante mundo da tradición e a lenda, cunha interpretación propia, ligada á exaltación da igualdade da muller: pasado – mito, presente – igualdade.

Grazas artista. E parabéns a todas as mulleres limiás!


 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias