Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 05/11/2020 | Miel 1

O noso mel, preparado

Para reforzar o sistema inmunolóxico

05/11/2020 | Lodoselo

Con algo de retraso, porque outros anos facémolo no mes de setembro, no mes de outubro sacamos o mel. Así que apañamos as medias alzas e fomos desoperculando, centrifugando, filtrando o mel e deixámolo no madurador uns días para despois metelo nos botes.

No CDR levamos bastantes anos enganchados ó mundo apícola; da man dun grande, MIguel F. Grande, durante moitos anos o famoso cura de Parada de Outeiro, que nos regalou unha colmea que baixamos de Rebordechao, incorporamos na aula da natureza un pequeno espazo como alvariza ou apiario. 

E fomos aprendendo, seguimos, coa axuda dos apicultores da comarca e de grandes coñecedores do mundo das abellas: Jaime, Perfecto, Luis de Verín, e un longo etc. Con cursos de formación e atendendo a facenda ó longo do ano. Algún ano chegamos a quedar sen nada e outros alcanzamos ata unha decena de colmeas.

Asi que uns anos con máis colmeas e outros con menos temos ido sacando algo de mel para o noso consumo e para as amizades; este ano tivemos tres en produción e preparamos un núcleo con vistas á vindeira tempada.

Velaquí outra afección ben interesante que recomendamos. O goce non só do mel senón de todo o que supón para o medio a grande labor das abellas ven a ser outro dos marabillosos momentos dos que nos sentimos ben satisfeitos, polo que vos convidamos a interesarvos por esta temática como outro camiño para a concienciación sobre o medio ambiente. Falar cos abelleiros, aprender curiosidades sobre o espectacular mundo das abellas é outro motivo para achegarvos a Lodoselo, ou a calquera outro lugar onde alguén vos facilite algo de información sobre o mundo apícola.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias