Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/11/2025 | 25 N

Xornadas de Concienciación contra a Violencia de Xénero: Coidar para Convivir

Construíndo circunstancias e contextos que favorezan os mellores comportamentos

24/11/2025

A violencia é un grave problema social que require un enfoque integral e a concienciación dende as idades máis temperás. Por iso, dende o CDR O Viso, nestas últimas semanas, previas ao 25 de Novembro, púxose o foco na prevención con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
No marco desta importante data, recordando ás irmás Minerva xunto con todas as mulleres vítimas da violencia, foron levadas a cabo unha serie de actividades de sensibilización en cinco colexios rurais da contorna do Concello de Xinzo de Limia. O obxectivo central destas xornadas foi claro: sementar a semente do respecto e a non-violencia entre o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria.
As dinámicas e obradoiros foron deseñadas dende unha perspectiva construtiva e positiva, articulándose baixo o lema "Coidarme, Coidarte e Coidarnos". Este enfoque tripartito busca reforzar tres piares esenciais na formación das crianzas:
1. Coidarme: A importancia do amor propio e o autocoñecemento, como base para establecer relacións saudables.
2. Coidarte: O valor da empatía e o respecto cara ás diferenzas e os sentimentos das demais persoas.
3. Coidarnos: A necesidade de construír colectivamente un espazo de convivencia pacífica, onde cada persoa é valorada e protexida.
Durante as sesións, buscouse activamente que os nenos e nenas tomasen conciencia da inmensa importancia que ten respectarse a un mesmo e, por extensión, respectar aos demais. Procurouse enfocar a atención nas boas accións que se dan no día a día e na resolución pacífica de conflitos, fomentando unha reflexión activa sobre os camiños alternativos á violencia.
Foi moi gratificante ver a implicación e a sinceridade coa que o alumnado participou. As súas olladas cheas de ilusión e as súas palabras de compromiso co respecto son a mellor proba de que o futuro está nas súas mans, e que estas xornadas deixaron unha pegada positiva e duradeira.
Con estas actividades, non só se conmemorou unha data crucial, senón que se investiu no benestar emocional e na alfabetización cívica do noso rural. O noso compromiso dende a Entidade non remata o 25 de novembro; é un traballo constante de prevención e educación que debe ser continuado.
Queremos expresar o noso agradecemento á dirección e ao profesorado dos cinco centros participantes pola súa colaboración e acollida, sendo fundamentais para o éxito da iniciativa.
Esta actividade enmárcase dentro do programa “Sementando igualdade: contra a violencia oculta, invisible e normalizada no medio rural”, promovido por COCEDER e financiado polo Ministerio de Igualdade.
#DíaDeLaMujerRural #ALimia #MujeresDeTierraYFuturo #SembrandoIgualdad #COCEDER
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias