Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 14/10/2024 | A. Madrugadores 1

Aulas de madrugadores en Sandiás e Sarreaus

Outra iniciativa en funcionamento para favorecer a Conciliación Familiar

14/10/2024

O 11 de setembro, os CEIP de Sandiás e Sarreaus inauguraron as aulas de madrugadores deste curso, un programa deseñado para facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar. Estas aulas están dispoñibles dende as 08:00h da mañá, respondendo á crecente necesidade de horarios máis flexibles para as familias.
A implementación deste servizo é unha resposta ás necesidades dos pais e nais que se teñen que incorporar ó seu traballo antes de que os seus fillos entren nos centros escolares; dalgún xeito é unha actividade que tamén contribúe a un obxectivo máis amplo: combater o despoboamento nas zonas rurais. Ó ofrecer opcións que faciliten a permanencia dos nenos e as nenas nestes centros educativos, espérase reducir a migración cara Xinzo de Limia, a cabeceira de comarca ou a outros lugares que posibilitan eses recursos.
A pesar de que as aulas de madrugadores  non responden a unha necesidade infantil, senón á dos adultos, si procuramos que eses espazos sexan amigables coas crianzas, velamos por unha  metodoloxía centrada no xogo libre. Sabemos que o xogo é fundamental para o desenvolvemento cognitivo, emocional e social das nenas e nenos. A través de actividades lúdicas, os cativos non só se divirten, senón que tamén desenvolven habilidades como a creatividade, a resolución de problemas e a colaboración.
Permitir que os nenos e as nenas elixan como queren ocupar o seu tempo fomenta un sentido de responsabilidade e axúdalles a mellorar a súa capacidade de toma de decisións. Este enfoque pedagóxico non só enriquece a experiencia educativa, senón que tamén os prepara para enfrontar desafíos futuros no ámbito escolar e social.
Con esta iniciativa, que levamos día a día desde a área educativa do CDR O Viso, Sandiás e Sarreaus dan un paso importante cara unha mellor calidade de vida para as familias e un futuro máis prometedor para os máis novos.
Esta actividade é un exemplo máis da colaboración entre institucións xa que é posible grazas á ANPA do Ceip de Sarreaus (Asociación de Nais e Pais do Alumnado), ó Concello de Sarreaus, á A.P.A San Nicolás do Ceip de Sandiás, ó Concello de Sandiás e á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; tamén á Deputación provincial de Ourense  a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias