Noticias
© CDR O Viso | 25/09/2023 | Cinefórum Lodoselo
O cine como ferramenta de aprendizaxe
Seguimos na procura dunha sociedade accesible e inclusiva.
25/09/2023 | A Limia
“Fálame de ti” é o título dunha comedia dramática francesa que relata a historia dun exitoso home de negocios que ve truncada a súa carreira profesional tras sufrir un derrame cerebral. Dita lesión deixa importantes consecuencias na linguaxe e na memoria ás que se irá adaptando ao longo da historia coa axuda dunha profesional. Esta película, que reflexiona sobre a importancia que ten a familia, o ocio e a saúde na vida dunha persoa, é unha das elixidas pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para reproducir nas diversas xornadas de Cineforum que comezaron a desenvolverse neste mes de setembro en colaboración co CDR O Viso en diversos pobos da contorna.
Lodoselo, Boado, Rebordachá, Freixo e Laroá están formando parte desta iniciativa que ten como obxectivos informar, sensibilizar e concienciar sobre o dano cerebral adquirido a través dunha serie de sesións informativas e do uso do cine como canle de comunicación para chegar a un maior número de persoas dunha maneira máis dinámica.
A asociación persigue defender os intereses e mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares, así como sensibilizar á sociedade en xeral con respecto a esta discapacidade. O dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce nas estruturas cerebrais de persoas que naceron sen ningún tipo de dano e que pode estar ocasionada por unha enfermidade, como o ictus ou os tumores cerebrais, ou por un traumatismo e que desencadea un espectro moi amplo de secuelas.
# Capacidade Inclusiva, Rural e Activa. Programas dirixidos a mellorar a calidade de vida, autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.
Estas accións enmárcanse no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADO PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias