Noticias
© CDR O Viso | 23/01/2017 | aprovechamiento y conservación medio natural CDR O Viso
¡Novo curso!: aproveitamento e conservación do medio natural
Curso de 80 horas con prácticas en empresa, a partir do 6 de febreiro
23/01/2017 | Lodoselo
Confírmase que o Curso de aproveitamento e conservación do medio natural, subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o Fondo Social Europeo, será a primeira gran formación de 2017 no CDR O Viso.
O curso levarase adiante en febreiro, e como vén sendo habitual nas nosas últimas formacións técnicas constará dunha parte teórico-práctica nas instalacións de Lodoselo e outra práctica nunha empresa. A formación será impartida por dous especialistas no sector de luns a venres a partir do luns 6 de febreiro dende as 16.00 ata as 20.00. Nela combinarase a formación teórica co aprendizaxe de labores prácticas que posteriormente han de aplicar nas 40 horas prácticas.
O sector forestal pasa por ser un dos futuros estandartes da comarca da Limia nos próximos anos. Cos diferentes ciclos formativos impartidos nos centros locais e a capacidade da que a nosa terra dispón, non pode ser doutra forma. De ahí que o CDR O Viso teña postos os seus ollos na capacitación da xente da que nun futuro dependerán as nosas fragas, eidos e montes.
Se tes interés nel, pódeste informar a través de calquera dos métodos de inscrición habituais do CDR: chamando ao 988.461.571, acudindo ao noso centro de información no número 1 da Praza Maior de Xinzo, mandando un correo a info@cdroviso.org ou unha mensaxe á nosa páxina de Facebook http://www.facebook.com/ovisocdr.
Tralo éxito de formacións como as de axudante de cociña e español para emigrantes, no CDR O Viso estamos a traballar para un 2017 moi formativo.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias