Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/03/2023 | FAIN. Seguimiento

Seguimento do Proxecto FAIN

Fresno Consulting, Juan Soñador e CDR O Viso

20/03/2023 | A Limia

Este pasado xoves, 16 de marzo, recibimos no CDR O VISO a visita de Eloína, Rebeca, Alejandro e Roberto en representación de Fresno Consulting e Juan Soñador, para ver os avances do Proxecto FAIN na nosa entidade.
Comezamos amosándolle as instalacións da Casa da Cultura, cedidas polo Concello de Xinzo de Limia, onde aproveitamos a falar do desenvolvemento das actividades grupais, das dificultades atopadas, dos retos e de como estamos organizando o traballo. E posteriormente dirixímonos ó Centro de Información á Comunidade, a nosa oficina da Rúa Ladeira, para comprobar a parte de xestión económica e a área de atención psicolóxica dentro do proxecto.
Sermos un equipo multidisciplinario formado por persoas da psicoloxía, do ámbito educativo, do traballo social e da xestión, fixo posible que as cinco integrantes do equipo tiveramos a nosa parte de intervención  e conversa profesional e honesta coas persoas que nos visitaban. Felicitaron sobre todo o traballo administrativo que levan a cabo o Fran e a Carmen pola meticulosidade e boas prácticas na xestión económica.
A pesar das moitas dificultades que vivimos dentro deste proxecto, fundamentalmente polas eivas burocráticas entre as diversas administracións públicas, é de agradecer o ton construtivo da reunión, o que permitiu aportar propostas de mellora e flexibilizar as accións para beneficio das persoas participantes.
Como CDR O VISO aproveitamos, como sempre facemos, para expoñer as necesidades reais da comunidade rural limiá, tan diferentes ás urbanas: a importancia de que os proxectos se desenvolvan de xeito integral, que as ratios non poden ser as mesmas que nas cidades, que a dispersión da poboación é un condicionante e implica exclusión social, que temos o compromiso firme de aproveitar os recursos para beneficiar, neste caso, a todas as familias participantes, máis aló dos requisitos mínimos para crear grupos de formación e que traballaremos co resto de compañeiras e compañeiros profesionais da nosa entidade en beneficio do proxecto e, polo tanto, das familias.
A visita concluíu cun xantar compartido no que continuamos conversando e reflexionando sobre os nosos respectivos traballos, as nosas realidades sociais e a vida en xeral.
O Proxecto FAIN desenvólveo a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia en colaboración con entidades de iniciativa social en resposta ó Real Decreto 938/2021 polo que se regula a concesión directa de subvencións do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias