Accesibilidad

Noticias 

A dimensión social das áreas rurais

O CDR O Viso segue a participar na MAP galega SHERPA

16/09/2022 | Santiago

O pasado martes, 13 de setembro, tivemos o segundo encontro do ano (2022) en Santiago a case totalidade dos 17 membros que formamos parte da MAP galega, unha das 40 que están en funcionamento en 20 países da UE.
O obxectivo das plataformas multiactores é incorporar na definición das políticas a visión dos actores relacionados co medio rural. Se no 2020 traballamos a visión a longo prazo das áreas rurais (2040), tendencias, retos e oportunidade e no 2021 afondamos nesa visión coa referencia dos 4 escenarios segundo a dinámica demográfica e a gobernanza, neste 2022 abordamos a dimensión social das áreas rurais.
E nesta segunda sesión reflexionamos sobre as intervencións que recomendaríamos deben poñerse en marcha (instrumentos, medidas) e as deficiencias que temos sobre estes temas así como as investigacións que serían prioritarias.
Seguindo as necesidades que priorizaramos tratamos de indicar políticas ou medidas novas a aplicar, así como a reorientacións daquelas xa existentes co obxectivo de conseguir mudanzas respecto:
- Ó acceso á vivenda
- Dos servizos de mobilidade e transporte
- Doutros servizos (acceso á Internet, acceso ó lecer-cultura e deporte, servizo de atención a maiores, acceso a servizos educativos e coidado de menores...).
E dialogamos, entre outros asuntos, sobre os censos de vivendas dispoñibles para o aluguer así como da promoción pública (rehabilitación e de nova construción) da vivenda. De dotar e ou mellorar as conexións de transporte; de artellar  os servizos, da falta deles (sociosanitarios, integrais, de proximidade); de contar coa xente, de apoiar desde o público o que xa funciona e dinamiza as relacións sociais; dunha planificación real na que os cartos cheguen realmente ós beneficiarios para os que se destinan; mesmo asegurar a perspectiva rural en todas as políticas, algo no que se ten avanzado, pero falta que se faga con asignación económica.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias