Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 22/12/2023 | Merienda Nadal 2023

Eu son ... CDR

Cultivando o talento corporativo, o capital humano. E agradecéndoo

22/12/2023

Onte, xoves día 21 de decembro á noitiña, no solsticio de inverno, estabamos convocados a un encontro festivo as persoas da Xunta Directiva e o persoal laboral do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”. E xuntámonos a meirande parte da familia do CDR para despedir un ano que nos deixa moita vida, moitos recordos e moitas aprendizaxes.
Sabiamos que sempre ía ter que faltar alguén porque onte a esa hora a Loli e a Sara estaban atendendo ás persoas da vivenda comunitaria. A maiores outras persoas non puideron ou non quixeron achegarse pero así e todo estabamos case corenta persoas e foi un momento de moito goce. De cultivar o talento corporativo, o capital humano.
Na convocatoria feita, o convite levaba consigo o ter que levar algo de comer ou beber pero tiña que ser algo que comezara pola mesma letra que o nome. Tiñamos que avisar a Mirian para termos unha referencia e velaquí o que foi aparecendo enriba da mesa para compartir: Olivas, chourizo, queixos, pizza, mini-bocadillos, marmelada de pemento, morcillas, canapés, tortillas, empanadas, doritos con salsa, ovos recheos empanados, mexillóns, mexillóns en paté, xamón, guacamole e améndoas... Pan de centeo con trigo sarraceno e fariña de chícharos...Tartas de crema de limón con merengue, de abelás e arandos... O noso mel, madalenas, filloas, mazá en tarta... E auga, cervexas, sangría, limón en sorbete, licor café... Vaia, un verdadeiro festín o que nos demos.
E charlamos, bebemos e comemos... E tivemos un momento para xogar porque o  O CDR DÁ MOITO XOGO.
Gústanos enredar como xeito de aprender e foi o que fixemos despois de compartir unha merenda colaborativa na que partillamos co resto do equipo algunha achega elaborada por cada persoa participante.
Formáronse catro grupos heteroxéneos que se converteron en equipos ós poucos minutos para competir por quen máis sabía do CDR. Cumpriu ter moita memoria, moito enxeño, moito coñecemento e moita retranca para conseguir os ansiados puntos que repartía o equipo arbitral. Empezou forte o equipo “Estamos mal”, que tan mal non estarían cando conseguiron os primeiros éxitos e aplausos dominando a categoría Proxectos. Pouco a pouco disputoulle o trono o equipo “Nós”, facéndose forte na categoría de Xente. Mentres o equipo das “Transformers” pelexaba por levantar cabeza, apoiadas sobre todo na categoría de Participantes  o equipo “Non sabemos”, o menos nutrido pero máis coordinado, aproveitaba a súa capacidade ofensiva nas áreas de Animais e Historia para adiantarse ós competidores e situarse no liderado que manterían ata o final.
Ademais das risas, o xogo serviu para coñecernos mellor, para entendernos mellor, para coidarnos mellor. O CDR somos nós, todas e todos e por iso necesitamos saber ben como están as nosas compañeiras e compañeiras e que saiban tamén de nós.
Gañou o CDR, gañou a fortaleza do equipo. Cumprimos todas e todos. O premio será entrar no 2024 así, xuntas.
Grazas a todas e todos. Porque todos e todas somos exemplo para todas e para todos e temos un impacto moralizante ou desmoralizante nos demais. Grazas por esa consciencia de que somos o que facemos, de que somos o que agradecemos;  pola responsabilidade que nos garante facer o traballo da mellor maneira posible. Grazas por este fortalecemento das persoas que é o fortalecemento do CDR. Polo tempo dedicado. Grazas a todas as persoas que nos posibilitan e posibilitaron estar aquí.
https://www.kizoa.com/Video-Editor/d404428315k9942843o1l1/Merenda_Nadal_2023

Arquivada en:
Infórmate > Noticias