Accesibilidad

Noticias 

© recursos.edu.xunta.gal | 03/11/2023 | Petirrojo

Botamos a andar ALUMAR

Coa ilusión coa que se espera a chegada do paporrubio

03/11/2023 | A Limia

Unha iniciativa para que 23 persoas da comarca que perderon o lume da ilusión polo nadal, volvan prender esa chama este ano gracias á axuda dalgunha veciña ou veciño (de maneira anónima), porque seguimos crendo na comunidade rural. Xente que vive soa, sen compañía, terá, por fin, un regalo para abrir.
Se che apetece participar, achégate polo CDR! Ponte en contacto con nós. Axudarás a que alguén espere o nadal coa ilusión coa que se espera a chegada do paporroibo.
Quen non recibe con ledicia a primeira visita do paporrubio? Será que nos anima a utilizar a forza vital para alentar o noso espírito e realizar cambios con alegría, con firme vontade de mellora. Desde o comezo dos tempos celebramos os cambios estacionais tendo en conta a natureza que nos rodea, e no caso do Nadal o solsticio de inverno, é o momento do ano con menos luz e os días son máis curtos e máis escuros, pero sabemos que hai unha pequena chama que se mantén viva en nós: fómola alimentando durante todo o outono, resgardámola, protexémola e grazas a iso levamos mellor os días agrisados. Cando semella que a luz non pode ir a menos, un día saímos buscar leña e vemos un pequeno paporrubio na galla dunha nogueira espida, e volve a minguar a noite e medrar o día. E aínda que isto se repite ano tras ano, é  inevitable que botemos un sorriso cara o paxaro que trae a boa nova, a nova esperanza dun tempo novo, de luz.
O paporrubio tamén o vemos en decembro pola Limia e, lonxe do estrepitoso consumismo e a grande cantidade de luces nas que desembocaron estas festas, en calquera aldea das nosas o Nadal (nacemento dunha nova vida, un ano novo que chega, medran os días) é fogar, lume, ritual de recollida en familia, compartir o que ternos e agasallar a quen queremos.
Actuación enmarcada dentro do programa “Vou Contigo” financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias