Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 04/07/2024 | Xornadas Lonxevidade Xinzo

Participamos nas primeiras xornadas de Lonxevidade da Limia

A participación social como ferramenta para a adquisición de hábitos e rutinas saudables

03/07/2024

O pasado sábado 29 de xuño a nosa entidade foi invitada ás primeiras Xornadas de Lonxevidade e Hábitos Saudábeis organizadas pola asociación Ourensividade, a Escola Rural de Saúde da Limia e o Concello de Xinzo. Agradecer, antes de nada, ás persoas organizadoras a súa proposta para formar parte da mesa redonda sobre “Asociacionismo na promoción de hábitos saudables”.
A nosa presentación centrouse nas actividades que desenvolvemos no programa #AldeasActivasESaudables (programa financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, co cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e o imposto de sociedades) no que apostamos pola participación social como ferramenta para a adquisición de hábitos e rutinas que nos axuden a desenvolver un envellecemento nas mellores condicións físicas, mentais e sociais posibles. Mostramos fotos de diferentes aldeas, como Lodoselo, Parada, Laroá, Freixo ou Boado, nas que as persoas participantes realizaban diferentes obradoiros enmarcados nos programas de envellecemento activo (ximnasia, memoria, recuperación de saberes), dinamización comunitaria (encontros, andainas, saídas socioculturais), obradoiros de benestar e saúde (impartidos polo ESAD este ano) e alfabetización dixital.
Aínda que focalizamos a nosa intervención no colectivo de maiores o certo é que tamén quixemos mostrarlle ás persoas reunidas na Casa da Cultura de Xinzo de Limia que a saúde e a comunidade son dous termos que deben ir da man ao longo de toda a vida.
Se hoxe entendemos que a saúde é “un estado completo de benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades” (OMS) debemos procurar que as nosas intervencións teñan sempre un carácter integral e que as accións que desenvolvemos vaian dirixidas para todos os estratos de idade que compoñen a nosa comunidade. Os hábitos de saúde deben ser traballados desde a infancia e consolidados na adolescencia facendo especial fincapé na saúde mental; debemos incluílos nos procesos rehabilitadores para que estes sexan frutíferos a longo prazo e son inherentes en todos os nosos servizos básicos como poden ser o comedor no fogar ou o servizo de podoloxía.
O meu benestar vai influír directamente no benestar da miña familia, da miña veciña ou do meu amigo; se a miña comunidade, o meu arredor e a miña rede de apoio está ben  eu vou estar tranquila, acompañada e vou sentirme segura.
Dinamizar a comunidade significa para nós facela partícipe na toma de decisións e de execución de proxectos  que beneficien a toda a veciñanza, fomentar os lazos que sempre existiron entre habitantes e facer un exercicio de escoita activa fronte ás demandas que xurdan ao longo das etapas da vida.  Facémolo facilitando, apoiando, acompañando ás persoas de maneira individualiza e grupal para que esta activación derive nunha transformación social que permita que o rural teña as mesmas oportunidades, sexa accesible para todo o mundo, teña servizos que aposten pola autonomía, respecte os dereitos das persoas que nel habitan e sexa sostible e respectuoso co medio ambiente e a paisaxe que o rodea.
A aposta de servizos de proximidade de calidade que podan chegar ao maior número de núcleos rurais e persoas posibles é clave para que se desenvolvan de maneira directa ou transversal as accións que permitan facer do rural un lugar de calidade para envellecer nas mellores condicións: facer do rural un lugar habitable e habitado.

 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias