Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 29/10/2024 | Limpando o Camiño

Limpando o Camiño

Convocamos a unha recollida de lixo comunitaria en colaboración co Concello de Sandiás

29/10/2024 | Sandiás

O vindeiro sábado 2 de novembro de 2024, o CDR O Viso, en colaboración co Concello de Sandiás, convoca a participar nunha xornada de recollida de lixo comunitaria nun pequeno tramo do Camiño de Santiago, partindo dende o Novaíño. A actividade desenvolverase nun percorrido circular que rematará no mesmo punto de inicio. Esta xornada insírese nas accións conxuntas para fomentar a concienciación ambiental e o desenvolvemento sostible, co obxectivo de protexer e preservar o patrimonio natural da comarca.
A recollida, aberta a toda a veciñanza de Sandiás e municipios próximos, dará comezo ás 11:00 horas, no punto de encontro da localidade de Sandiás. Antes de iniciar a recollida, os organizadores ofrecerán unha breve introdución sobre boas prácticas e explicarán o desenvolvemento da actividade. Todos os participantes disporán dos materiais necesarios, como luvas e bolsas, para facilitar o bo desenvolvemento da acción. Ao final da xornada, organizarase unha pequena merenda para recuperar forzas despois do traballo realizado.
Os obxectivos da Xornada son promover a conciencia ambiental entre as persoas participantes, fomentar a participación cidadá na protección e conservación dos espazos naturais e limpar e restaurar a contorna natural, un hábitat de alto valor ecolóxico.
No CDR insistimos en que “a participación comunitaria é clave para manter os nosos espazos naturais libres de residuos e sensibilizar á poboación sobre a importancia de preservar o noso medio. Agardamos que esta iniciativa contribúa ó igual que outras accións semellantes (pasadas e futuras) na mellora da nosa comarca"
A inscrición é gratuíta e pode realizarse previamente nas oficinas do Concello de Sandiás ou a través do correo electrónico do CDR en areaambiental@cdroviso.org A data límite de inscrición é o último día deste mes de outubro.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias