Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 15/10/2024 | Exposición mulleres 15 outubro 1

As mans das mulleres da Limia

“De raíces fondas a horizontes amplos: mulleres de terra e futuro”

15/10/2024

No Centro de Desenvolvemento Rural O Viso conmemoramos o Día da Muller Rural que cada ano se celebra o 15 de outubro, cunha exposición colaborativa de fotografías das maus de moitas mulleres (nenas, mozas, nais, avoas e máis).
Nas maus da Limia debúxase unha historia de tradición ligada á terra que permitiu botar unhas fondas e nutridas raíces que permiten agora abrollar de múltiples maneiras, tantas coma mulleres hai.
O rural é a terra pero tamén o é a docencia, a investigación, o xogo, a lectura, os animais, as tatuaxes  ou a fotografía. O CDR está absolutamente convencido e orgulloso desa riqueza e quere aproveitar calquera ocasión para recordalo e, se cómpre, berralo. O noso berro hoxe é silencioso e impactante. O noso berro hoxe son as fotos que recollen a fartura de expresións de ruralidade que temos hoxe, en outubro de 2024, na nosa comarca.
A exposición é titulada “De raíces fondas a horizontes amplos: mulleres de terra e futuro”, nunha homenaxe á actualidade do rural e ó seu futuro ó evocar novas ruralidades noutrora descoñecidas ou ligadas a eidos máis urbanos. A tradición de pertenza e convivencia á e coa terra é agora complementada con expresións modernas por iso se ven mulleres docentes, investigadoras, labregas, lectoras, amantes dos animais, fotógrafas, floristas, músicas e moitas máis ata chegar a corenta exemplos de ruralidade.
Sarai R. Bohórquez, responsable dos proxectos de Igualdade do CDR O Viso defende que “ todas somos mulleres rurais porque entendemos que nos une a pertenza a unha comunidade independentemente da nosa profesión, a nosa formación ou gustos; somos mulleres e somos rurais”. Cabe sinalar que a inauguración desta mostra se da un día despois da presentación do libro “Mulleres Ilustradas da Limia” que nace da colaboración do CEIP Rosalía de Castro, a súa ANPA e o propio Centro de Desenvolvemento Rural.
A escolma de fotos está exposta no escaparate do Centro de Servizos Integrados do CDR O Viso na rúa Ladeira de Xinzo de Limia e percorrerá nos próximos meses outros escenarios nunha sorte de itinerancia fotográfica.
Por moitos 15 de outubro reinvindicando o papel das mulleres rurais, de todas.
A actividade está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia no marco da subvención para programas de interese social, grazas ao 0,7% do IRPF, dentro do programa ELAS.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias