Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 21/09/2024 | Día Mundial do Alzhéimer 4

21 de Setembro, Día Mundial do Alzhéimer

Este ano baixo o lema “Integrando a Innovación”

21/09/2024

Este sábado 21 de setembro, data sinalada de sempre polo equinoccio de outono, ese momento do ano en que o Sol está exactamente sobre o ecuador e no que o día e a noite teñen igual duración, tamén é de un tempo a esta parte unha data para lembrar esa enfermidade dexenerativa do sistema nervioso central con demencia progresiva, que comeza habitualmente despois da etapa media da vida.
É ben sabido que é a Enfermidade de Alzhéimer e a súa gran variedade de presentacións, por iso, un ano máis, rememoramos este día debido a varios axentes (1):
-  O aumento da predominancia. Só en España se diagnostican uns 40.000 novos casos cada ano e estímase que inda así un 80% dos casos máis leves non son diagnosticados.
- Os novos avances sobre o espectro de perfil de persoas con Alzhéimer e as súas necesidades.
- O aumento de casos en idades máis temperás.
- A importancia de fomentar políticas sanitarias que garantan á poboación o acceso a diagnósticos adecuados e tratamentos de calidade.
- A nosa mellor defensa é a prevención mantendo un envellecemento activo. Esta condición de saúde acompañará á persoa e á familia durante todo o seu camiño.
- E, por último, como recordatorio da nosa publicación do anterior ano: a inclusión de todas as persoas na nosa comunidade e o coidado das familias e coidadoras/es.
Por conseguinte, queremos compartir con vós un pequeno “cadro” que vos poida servir de apoio e guía cando tedes sospeitas no comportamento dunha persoa próxima e onde mostramos as diferenzas existentes entre un envellecemento típico e un envellecemento que pode estar condicionado a unha patoloxía asociada, como a Enfermidade de Alzhéimer (2).
Diferenzas entre o envellecemento típico e o patolóxico.
Dende o CDR O Viso, as nosas compañeiras Helena e Rocío, Terapeutas Ocupacionais, traballan cos/as usuarios/as dende unha visión holística fomentando neles a súa autonomía e capacidade funcional por medio de actividades, ocupacións, mantemento de rutinas, adaptacións do entorno e o adestramento físico-cognitivo adecuado para cada persoa. Onde o noso obxectivo común é garantir a mellor calidade de vida posible da persoa.
E é por iso, que o noso pilar máis sólido é a comunidade, o acompañamento e o agarimo que lle podemos brindar aos nosos usuarios/as, e como non, ás súas familias, que sempre é correspondido e recíproco.
*Se como familiar ou acompañante tes algunha dúbida ó respecto non dubides en porte en contacto co noso equipo!!*
Esta actividade está enmarcada no programa "COS MEUS". Cos Meus percibo, comprendo, lembro e aprendo financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e o imposto de sociedades.

1. Autor(es): Déborah M. Labrador Solís, Obra: Día Mundial del Alzheimer, Publicación: 19 Septiembre 2019 , Última actualización: 13 Septiembre 2024 , Lugar de publicación: Madrid, URL: https://www.discapnet.es/salud/dias-mundiales/dia-mundial-del-alzheimer
2. Jurado, Mataró y Pueyo (2013). Neuropsicología de las enfermedades neurodegenerativas. Madrid: Síntesis.

 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias