Noticias
© CDR O Viso | 04/08/2024 | Paseos co voluntariado
Paseamos por Lodoselo!
Un exemplo máis de coidados en comunidade
04/08/2024
Coa chegada do bo tempo é habitual que as usuarias e usuarios do centro de día Lodoselo gocemos de paseos polas proximidades, e neste sentido Lodoselo é un entorno que ofrece múltiples posibilidades de interacción coa vexetación, os animais e sobre todo a veciñanza. Para as persoas participantes supón un cambio na rutina moi favorecedor porque a maiores da interacción xa mencionada tamén supón o mantemento de hábitos saudables.
Aprendermos a vivir en harmonía cun mesmo, cos demais e co medio é o noso empeño educativo. A nosa saúde, tanto física como mental, está intrinsecamente ligada á contorna. Agora lemos que numerosas investigacións relacionan os transtornos mentais coa perda de interacción cos espazos abertos. Velaquí unha evidencia máis da importancia desta nosa aposta por coidar os nosos espazos, a nosa contorna e os elementos que adornan a nosa vida porque dalgunha maneira forman parte de nós, reconstitúennos.
Para a realización deste tipo de actividades temos a sorte de contar cun grupiño de voluntarias que gracias a súa boa disposición permiten a participación na actividade dun maior número de usuarios e usuarias do centro. Ao mesmo tempo, prodúcese unha aprendizaxe mutua froito da socialización que permiten estes paseos.
Agradecemos moito a participación do noso voluntariado, supoñen unha gran axuda!
Esta actividade é posible grazas ó financiamento obtido da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, dentro do programa Envellecemento Inclusivo e Activo no medio rural.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias