Noticias
© CDR O Viso | 19/07/2024 | Concilia de verán 2024 1ª quincena 1
“Eu son rural“
Primeira quincena de campamento de verán en Lodoselo
19/07/2024
Do 1 ó 12 de xullo tivo lugar en Lodoselo a primeira quincena do campamento Concilia de Verán, no que participaron 40 nenas e nenos da comarca da Limia con idades entre os 3 e os 12 anos. Nesta primeira quincena a nosa máxima foi “Eu son rural“, participando en tarefas e obradoiros propios da nosa vida nas aldeas: traballos na horta do Centro de Día coa Pili, o Eloi e coas persoas maiores, amasado do pan no forno coa Rosa e paseo no carro coa Terra, a nosa burriña; tamén fixemos o obradoiro de elaboración de papel reciclado, as olimpíadas rurais, actividades artísticas na natureza, e mesmo elaboramos unha pomada natural. Ademais fomos á piscina a Vilaseca, que foi onde se deron os momentos de diversión total. A maiores destas actividades, en Lodoselo dámoslle moita importancia ás tarefas diarias, que son unha fonte inesgotable de aprendizaxes. A rutina diaria de sacar as ovellas -e saudar a Muma e ó Eo que as acompañan-, os patos (mudos e corredores indios) e as ocas (ganso e ansarón), botarlles de comer e atendelos supón a adquisición de coñecemento e responsabilidade para todas as persoas que participamos disto, e cremos que a conexión cos ritmos propios da natureza implican beneficios óptimos para o desenvolvemento de toda persoa.
Por outra banda, este ano o noso Concilia evolucionou un pouco máis cara a atención emocional plena ás nenas e nenos participantes; a benvida e a despedida en pequenos grupos foron un salto cualitativo para o benestar de todos, fomentando a comunicación, o diálogo, a participación e que cada persoa tiveramos voz propia e que esa voz fose escoitada e respectada. Non concibimos outro xeito de estar coa infancia.
As familias notarían que desta vez as fotos foron moitas menos, porque quixemos predicar co exemplo e continuar coa nosa campaña “Racha coas cadeas da dependencia dixital“, fomentando o respecto á privacidade e intimidade das nenas e nenos, intentando non usar o móbil na súa presenza e vivindo no aquí e agora.
Estamos moi agradecidas de ter compartido estes días con estas nenas e nenos. Graciñas a todxs! Xa estamos coa segunda quincena. Esta actividade enmárcase no programa “Concilia Rural“ e está financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias