Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 15/07/2024 | Vandalismo contra o noso patrimonio 1

A dor é obrigatoria, o sufrimento opcional

Vandalismo contra o noso patrimonio

15/07/2024

Nun día tan sinalado, este domingo 14 de xullo, polos éxitos deportivos a nivel estatal a nós tocounos encaixar a derrota que supón atoparmos que o vandalismo fixera acto de presencia no noso pobo e contra o noso patrimonio. Contra o coidado que poñemos no que facemos con entusiasmo. Contra o gozo que nos procura prestar atención ó que está na nosa contorna.
E si, sabemos que hai quen escolle coidar e hai quen se dedica a danar; quen tende a man e sabe do necesario apoio mutuo e quen padece unha vida desvinculada dos demais e da contorna ignorando que isto empeóranos moito (tanto, que é ignorar que odiar é odiarse e que o odio ven a ser algo así coma tomar veleno e esperar que morra o outro). Non é un problema menor porque seguramente comportamentos así denotan problemas de saúde mental, de desequilibrio.
Xa nos diredes que sentido ten dedicarse a romper, arrincar e facer desaparecer algúns indicadores coa explicación e os códigos qr do xogo de pistas. A comezos do mes de xuño foi a pista nº 3.  No primeiro fin de semana de xullo a nº 4 e na noite deste sábado ou madrugada do domingo a nº 1 e a explicación da actividade coas indicacións para a súa realización.
No ano 2021 e con este titular, “Pobo - escola: aprender no pobo, do pobo, o pobo. Unha proposta actualizada con códigos qr” contabamos esta nova: Esta é unha oferta máis do CDR para coñecer o noso medio rural, a nosa cultura concreta e particular. Contra a indiferenza, o desprezo e a condena dos saberes que endexamais foron valorados, como moitas culturas dos olvidados e excluídos fronte á imposición dun modelo cultural presentado como universal, queremos realzar estas diferenzas que nos fan singulares (en todos e cada un dos lugares) porque a pluralidade enriquécenos. A veces só necesitamos que alguén nos axude a mirar.
Esta actividade, un xogo para todas as idades, consiste en facer un percorrido polo pobo de Lodoselo seguindo un itinerario con paradas ao longo de 12 puntos, seguindo as pegadas, nas que están colocadas uns códigos qr.
O obxectivo principal é pasalo ben con esta proposta; adornar o pobo con xente e á vez ofrecer que se coñeza este mundo no que vivimos. En cada un dos 12 puntos do percorrido hai unha placa no que están indicados o número da pegada e un código qr.
Ó longo destes últimos anos con este material e antes con indicacións, papeis e mensaxes escondidos que colocabamos e recolliamos cada vez que queriamos facer esta actividade, moitos grupos adornaron as rúas do pobo coa súa presenza e pasaron momentos que lembramos coma gozosos.
Conseguimos que o Concello de Sarreaus nos financiara a colocación destas placas e ademais dos grupos que participan nas nosas actividades outros visitantes téñennos sorprendido porque os atopamos facendo este xogo de pistas –sobre todos en fins de semana-.Toca repoñerse.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias