Accesibilidad

Noticias 

© A. Socioeducativa Antonio Gandoy | 11/06/2024 | O son que me arrola

O Son que me arrola na xuntanza de familias

11/06/2024 | Lodoselo

O próximo sábado 15 de xuño terá lugar en Lodoselo a Xuntanza de Familias da Limia. Trátase dunha proposta  que pretende fomentar un lecer saudable e en familia, ó tempo que se pon en valor o saber e o facer das nosas aldeas.
Convocamos ás familias para as dez e media da mañá na zona do albergue e Campo da Lama de Lodoselo, coa idea de comezar cos obradoiros ás once: amasado no forno comunitario, paseo na burra Terra, experimentación no xardín dos sentidos, coidado dos animais…
Ás doce e media teremos a sorte de gozar co concerto “O Son que me Arrola“, unha colaboración  da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy de Lugo, compañeiras durante moitos anos en Preescolar na Casa. Tal como nos trasladan, “O son que me arrola” é unha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis cativos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, das lerias, os enredos, e a instrumentación. “O son que me arrola” ofrece a posibilidade dun espazo lúdico onde a familia pode experimentar e manipular os diferentes instrumentos de percusión: pandeiros, pandeiretas, bombos, tarrañolas … e outros construídos a partir de materiais de refugallo.”
Animámosvos a participar neste encontro familiar que xa é tradición na nosa comarca.
Esta acción enmárcase no Programa “Familia e Comunidade” e está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias