Noticias
© CDR O Viso | 30/05/2024 | Siembra y plantación en mesas elevadas
Fixemos a sementeira e plantación de distintas hortalizas nas mesas elevadas
A grandeza da semente: a abundancia do pequeno
30/05/2024
Este martes, 28 de maio, tivemos en Lodoselo unha actividade que sempre marca o inicio de tempada na horta.
Os maiores do Centro de día e as crianzas da Casa Niño fixeron a sementeira e plantación de distintas hortalizas en mesas elevadas. Estas mesas foron deseñadas para crear un espazo accesible e cómodo que permite que persoas en cadeira de rodas ou con escasa mobilidade poidan participar activamente nesta actividade.
Estas mesas están no entorno da horta onde sementamos, este ano, nove variedades autóctonas da comarca da Limia (cebolas, garabullos, garavanzos, fabas raxadas, verza da horta, cabazos, millo, nabos e liño) coa intención de recoller as súas sementes para conservalas e compartilas coas persoas interesadas nelas. Porque no CDR tamén temos unha “biblioteca ou librería” de sementes como testemuña de que o pequeno é grande, xa que esa é a grandeza da semente: a abundancia do pequeno.
A horta convértese tamén nunha aula ó aire libre onde cada semente e cada planta nos trae unha aprendizaxe, non só de como cultivalas e coidalas, senón que tamén nos descobren a importancia da biodiversidade.
Os coñecementos adquiridos e as sementes conservadas aseguran que as futuras xeracións poidan gozar dunha agricultura rica, diversa, respectuosa co medio ambiente e arraigada na tradición.
Cando gardamos as sementes para volver botalas convertémonos en parte do ciclo da vida; o alimento forma parte do tecido da vida: somos cocreadores, coproductores ou como consumidores... traballando de acordo coas leis da natureza
Cando gardamos as sementes para volver botalas convertémonos en parte do ciclo da vida; o alimento forma parte do tecido da vida: somos cocreadores, coproductores ou como consumidores... traballando de acordo coas leis da natureza
Esta actividade realízase no marco do Proxecto para a recuperación, recolección e almacenaxe de sementes de variedades autóctonas da comarca da Limia financiado polo Ministerio para a transición ecolóxica e reto demográfico.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias