Noticias
© CDR O Viso | 25/05/2024 | Formación TEA 1
Profesionais educativos da Limia formámonos no TEA
25/05/2024 | Lodoselo
Da man do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, a Federación Autismo Galicia formou a profesionais da educación, tanto regrada coma non regrada, e a familias para mellorar a súa atención a persoas co trastorno do espectro autista (TEA), ou persoas cunha variación neurolóxica que prefiren dicir outras
A abordaxe do acompañamento educativo de persoas co TEA presenta unha amplitude complexa que necesita de instrucións específicas, nomeadamente para comprender as múltiples manifestacións que pode mostrar. É fundamental que os profesionais educativos entendamos estas manifestacións para proporcionar un apoio adecuado e efectivo.
Na actualidade, 1 de cada 80 nenas ou nenos que nacen presentan TEA. No ámbito rural, isto supón un impacto económico importante para as familias, tanto pola escaseza de recursos como pola necesidade de contar con transporte para acceder a calquera servizo. Por iso, as formacións e a sensibilización sobre o TEA son cruciais para mellorar a calidade de vida destas familias e garantir unha educación inclusiva.
A desmitificación foi un dos piares sobre os que se asentou a formación para, unha vez presentado o trastorno e as súas características, comezar a traballar nas estratexias educativas e na adaptación das mesmas para conseguir os obxectivos formativos.
A formación terá continuidade cunha segunda sesión, desta volta online, para traballar principalmente o aspecto da accesibilidade cognitiva e universal, garantindo así que todos os profesionais teñan as ferramentas necesarias para apoiar adecuadamente ás persoas con TEA.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias