Noticias
© CDR O Viso | 09/04/2024 | Cursos cultura dixital Xinzo
O CDR finaliza dous cursos de cultura dixital en Xinzo
Non hai cultura dixital que poida substituír á comunitaria
09/04/2024
Do 6 de febreiro ó 27 de marzo leváronse a cabo dous obradoiros de Cultura Dixital en Xinzo de Limia. Participaron 17 persoas das aldeas de Morgade, Nocedo de Ribeira, Fiestras, Laroá e de Xinzo de Limia.
Para o CDR O VISO mellorar as capacidades dixitais da poboación maior é imprescindible para garantir a súa inclusión plena na comunidade, o acceso máis doado a servizos públicos, e , en definitiva, facilitarlles a vida. Nas sesións impartidas houbo contido teórico e práctico, pero tamén moito facer comunidade, crear grupo e tecer lazos entre aldeas. Que aprendesen a obter unha cita médica, que puidesen facer a primeira videochamada coa familia que está lonxe ou que mellorasen no que xa sabían foi moi satisfactorio para eles e para nós; pero ó que máis importancia lle damos é á conversa xurdida en cada clase, á reflexión espontánea de como nos está afectando o uso do móbil a nivel social, o pensamento crítico ante os abusos dos dispositivos dixitais, ou a que ó saíren fosen xuntas tomar un café e seguir coa conversa.
En setembro continuaremos cos novos obradoiros de manexo do móbil e cultura dixital.
Esta actividade foi financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e o imposto de sociedades.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias