Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 26/03/2024 | Celanova Biocoidados 1

Coñecendo Celanova e o seu rico patrimonio

Actividade de ocio saudable realizada dende Biocoidados

26/03/2024

O pasado venres 22 de marzo un grupiño de persoas visitamos Celanova no marco dunha actividade de ocio saudable proposta dende o Proxecto de Biocoidados, co obxectivo de promover as relacións sociais das persoas participantes en comunidade. Elixiuse este destino tras escoitar as propostas do grupo, pois a maioría deles nunca puidera coñecer esta vila debido as súas circunstancias persoais, cumprindo así un dos obxectivos perseguidos en Biocoidados: impulsar o desenvolvemento dos proxectos de vida das persoas poñendo en valor a comunidade.
Cunha visita guiada puidemos coñecer o Mosteiro de San Salvador, o máis rico e principal mosteiro de Bieitos que hai en Galicia, fundado por San Rosendo no século X. Este organízase ao redor de dous claustros, o Claustro Barroco ou das Procesións e o Claustro do Poleiro. Ademais, tivemos o gusto de contemplar a Igrexa, co retablo maior e o coro alto situado ao carón do órgano.
Visitamos tamén a Capela de San Miguel, un exemplar único na Península Ibérica, imprescindible para entender os tempos da repoboación cristiá. Situada no xardín do mosteiro, é o único resto arquitectónico que resistiu, practicamente inalterable, o paso do tempo. Para finalizar a visita, achegámonos ao Centro Sociocomunitario de Celanova para coñecelo e compartir un café en comunidade.
Estas accións enmárcanse no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE ATENCIÓN PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU. Promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER)

Arquivada en:
Infórmate > Noticias