Noticias
© CDR O Viso | 22/03/2024 | EAPN-ES Taller de participación juvenil 'Toma la palabra'
Estivemos no Obradoiro de participación xuvenil 'Toma la palabra' organizado por EAPN-ES
22/03/2024 | Madrid
Xaira Pena é unha moza limiá que ten sido participante en diferentes programas e actividades do CDR. Onte fíxoo no Obradoiro de participación xuvenil “Toma la Palabra” organizado pola rede europea contra a probreza e a exclusión social EAPN-Es que tivo lugar este mércores, 20 de marzo, no Espacio Ecooo de Madrid. Agradecemos moito a oportunidade de que nos brindou EAPN Galicia. E a Xaira por representar a nosa comunidade.
Xaira tivo a ben recoller nunhas palabras as súas primeiras reflexións ó remate da xornada e facernos partícipes. Graciñas.
“Foi un taller moi produtivo porque ademais de aprender, escoitámonos. Incidiuse moito en que a xente nova tamén somos suxeitos políticos, e podemos ser activistas, mobilizarnos e facer incidencia democrática nas decisións que se toman a nivel internacional sen ningunha discriminación paternalista. Con isto, quero dicir que se deben crear estratexias sociais reais, onde a participación social sexa un factor indispensable. A mellor maneira de adquirir ideas e coñecementos é facelo de maneira colectiva, porque somos seres individuais, con experiencias moi diferentes e formas de vivir únicas. Por exemplo, eu hoxe aprendín máis formas de defender o discurso a favor da xente inmigrante grazas a que alí había persoas de Colombia, Venezuela, Maghreb... que contaron a súa experiencia e dificultades na vida diaria. Tamén me din conta que dende as asociacións, non só é importante axudar a persoas vítimas de violencia machista, senón que tamén é importante axudar dende a conciliación para facilitarlle acceso a certas experiencias ou portas laborais que ao mellor non poderían facer se teñen que estar as vinte e catro horas do día coidando do fillo ou filla. Aprendino grazas a que había alí unha rapaza que coida dos bebés mentres as súas nais están en charlas de inserción laboral ou simplemente en actividades de lecer, tamén aprendín isto... en resumo, a sociedade edúcanos para ser competitivos e individualistas, pero nós debemos loitar para facernos colectivistas, e crecer así en todos os ámbitos con apoio social.”
Arquivada en:
Infórmate > Noticias