Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 14/03/2024 | Alumnado Ourense (An. SC e Ed. Social) 2

Alumnado do CIFP Portovello e do Campus de Ourense en Lodoselo

De Animación Sociocultural e Educación Social

14/03/2024

Unha comunidade que transmite o que sabe é unha comunidade que evoluciona. O CDR O Viso confía no pobo como ensinante. É o POBO ESCOLA, unha acción educativa e comunitaria arraigada xa na xenética do CDR. Aprender no pobo, aprender do pobo, aprender o pobo. Tras trinta anos coas portas abertas, a vida de Lodoselo segue sendo interesante para construír o futuro educativo da mocidade galega.
Estes días visitounos o alumnado da formación profesional superior Animación Sociocultural do CIFP Portovello de Ourense e o terceiro curso do Grao de Educación Social do Campus de Ourense (Universidade de Vigo) para aprender e ensinar. Ensináronnos como a xuventude se está formando para ser profesionais da intervención social o día de mañá e tamén cales son os seus medos, as súas preocupacións e os seus retos. Nós ensinámoslle que é o CDR e cales son os nosos medos, preocupacións e retos. Nesta sorte de simbiose puidemos comprobar que malia a colonización social urbana, a cultura rural segue marcando a personalidade de moitas rapazas e rapaces que, con espírito crítico e combativo, ven o seu futuro no medio rural.
A inmersión rural desta semana mesturou á xente, ós animais e á natureza en moitos paseos por Lodoselo; na rectoral, na Vivenda Comunitaria, no centro de día, na horta e o galiñeiro, no xardín sensitivo... A liña argumental destes paseos foi mostrar os recursos que ten o pobo e como todos eles poden educar, educan.
O Pobo Escola nunca pecha.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias