Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 23/02/2024 | Biocoidados. Casas da Memoria

Participantes de Biocoidados visitan as Casas da Memoria

Espazo para alimentar a atención, o encontro, a reflexión, a vida.

23/02/2024 | Lodoselo

O mércores 21 de febreiro un grupo de persoas participantes de Biocoidados achegámonos a Lodoselo a visitar as casas da memoria, unha proposta do CDR O Viso co obxectivo de facer unha recuperación patrimonial, coa xente maior dalgunhas temáticas que formaron parte da súa vida; comezando polas minas de estaño e volframio coa idea de seguir coa emigración, a auga...
Fomos recibidos polo Toño que foi o noso guía nesta ocasión. El explicounos que as casas da memoria foran cedidas por veciños e veciñas de Lodoselo; que no seu tempo foran unha antiga cociña, leñeira, palleira... e agora, logo de rehabilitalas, teñen unha outra vida e albergan un espazo para a Memoria dalgunhas actividades que se realizaban antes no pobo, para darlle voz a un pasado que se vai co falecemento dos maiores, moitas veces xa esquecido polas novas xeracións.
As casas da memoria hoxe albergan dentro un anaco da historia de Lodoselo, a historia das minas de estaño sobre todo, aínda que nos arredores tamén había volframio. Tamén a microtoponimia recuperada e plasmada nun dos paneis. Ó tempo é un espazo máis de aprendizaxe do Pobo escola. Espazo para alimentar a atención, o encontro, a reflexión, a vida.
Lembramos a historia destas minas e puidemos ver algunhas ferramentas, ben sinxelas, coas que traballaba a xente alí. Tamén a importancia que tiveron para o pobo: a conexión coa traída da luz, o aproveitamento anos mais tarde para a captación da auga.... Logo visualizamos un vídeo no que unha veciña conta a súa experiencia nas minas, o que recorda delas xa que era nena; as tarefas que facía... e vemos algunha foto daquela época.
Grazas pola visita, polo encontro, grazas ás veciñas e veciños e a todas as persoas que fixeron isto posible; nos podcast de Radio Lodoselo (Minas) temos a posibilidade de coñecer un anaco deste pasado contado pola veciñanza.
Esta visita enmárcase no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADO PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU, proxecto piloto promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER).

 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias