Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 01/02/2024 | Cociñando a lume lento: sabores e saberes

Receitas con nome propio

Cociñando a lume lento: sabores e saberes

01/02/2024 | A Limia

Dende o CDR O Viso estamos a promover unha iniciativa de traballo colaborativo para crear un receitario con pautas de elaboración sinxelas, que promovan a adquisición de hábitos saudables con alimentos que nos facilita o comercio de proximidade e seguindo os fundamentos da Dieta Atlántica, baixo a guía e supervisión de profesionais con especialización en nutrición.
O receitario contará cunha edición en papel gratuíta, poderase descargar en formato dixital e presentará “Receitas con nome propio” onde coñeceremos quen as fixo, en que aldea vive e o seu aporte nutricional.
Para elaboralo contamos cos ingredientes adecuados: a cociña tradicional cos alimentos da nosa terra, receitas de persoas maiores que viven na Comarca da Limia, o traballo dun grupo de participantes do Programa Biocoidados que se reúnen semanalmente para recoller información e elaborar receitas con ingredientes da Dieta Atlántica e o asesoramento nutricional que nos facilita a colaboración coa Asociación Ourensividade.
Os obxectivos do receitario son :
- Pór en valor a alimentación saudable.
- Dar a coñecer receitas da cociña tradicional de persoas maiores que viven na Comarca da Limia.
- Promover o traballo colaborativo de tres persoas, que se cruzaron no camiño e queren participar nun proxecto común. Elas elixiron o nome de “Taller de Biocociña” e, tódalas semanas, reúnense para aprender hábitos saudables, ingredientes da Dieta Atlántica e compartir receitas nas instalación que nos cedeu o Centro Sociocomunitario de Xinzo de Limia.
O traballo cooperativo é positivo para crear, para incluír, para xerar sentimentos de pertenza e tomar conciencia do “si podo facelo”. Pero queremos enriquecelo cos sabores da cociña tradicional, o comercio de proximidade e o “saber facer” das persoas maiores da nosa Comarca.
Para elaborar o receitario contamos coa colaboración da Asociación Ourensividade, constituída por un equipo de profesionais que defenden e representan os intereses científicos da Dieta Atlántica e a súa utilización na promoción da alimentación sostible, os hábitos saudables, os balnearios e as condutas vinculadas á lonxevidade.
Estas accións enmárcanse no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADO PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU, proxecto piloto promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER). 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias