Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 23/01/2024 | Visita DX Maiores

Recibimos e agradecemos a visita do Directror Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Antón Acevedo destacou o traballo que se desenvolve nestas instalacións para mellorar a calidade de vida das persoas maiores

23/01/2024 | Lodoselo

Este martes, 23 de xaneiro, acollemos en Lodoselo a visita do Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Don Antón Acevedo. Un pouco despois das 11.30h  chegou e puido  ver as dúas primeiras furgonetas preparadas e cargadas coas bandexas listas para saír a recorrer moitos pobos da comarca e neles aquelas casas ás que cada día se lle leva o xantar que se acababa de preparar aquí nas nosas instalacións.
E así comezamos o recorrido polas dependencias do Centro e saudando a todas as persoas que por aquí pasamos o día a día; coidadoras e coidadores que xa transportaran dende os diferentes domicilios ou desde a vivenda comunitaria á xente que agora aquí estaban recibindo unha atención por parte da educadora social; ou da terapeuta ocupacional ou das técnicas sociosanitarias; cociñeiras que dende moi cedo preparan a comida; educadores que participan con elas no amaño de cada unha das máis de 100 bandexas, saben das necesidades e particularidades de cada usuaria ou usuario deste servizo e teñen un tempo que sabe a pouco para manter esa relación que se cultiva día a día en cada casa... Así fomos recorrendo as distintas estancias: cociña, comedor, sala polivalente, sala de rehabilitación... Vendo o que se estaba a facer en cada unha delas e falando coas persoas participantes. Tamén a casa niño, os exteriores (xardín sensitivo), o espazo onde o traballador social tiña preparado, como cada martes e venres os produtos de reparto...
A continuación fomos ata “A túa outra casa” (a nosa vivenda comunitaria) e a antiga casa reitoral eses outros dous espazos que conforman aquí arredor da Lama os tres enclaves que hoxe lle ensinamos ó Director Xeral. Ata despois das 13.30 pasamos estas dúas horas transmitindo parte da nosa actividade cotiá; tamén as nosas demandas, aqueles empeños nos que andamos tratando de facer posible o necesario (respondendo sobre todo ás necesidades da nosa realidade que procuramos converter en potencialidades) e os atrancos que nos atopamos. Co ánimo de que a administración adecúe o que lexisla coa realidade; tamén co rural e as súas peculiaridades.
Agradecemos a Antón Acevedo a súa visita porque O CDR O Viso a través da agrupación de Asociacións que conformamos Terra e Xente acabamos de recibir a través da convocatoria do IRPF (Consellería de Política Social), un ano máis, unha boa parte do diñeiro que nos posibilita desenvolver os programas que levamos adiante. A Asociación Terra e Xente da que formamos parte os CDR Ancares, Euroeume, Portas Abertas e O Viso traballamos no medio rural das catro provincias galegas coa colaboración da Fundación Eomaia (na de Pontevedra). E facémolo desenvolvendo programas coma o Concilia, O noso espazo, Urxencia, Galicia acolledora, Dinamización, Aldeas Activas, Cos meus, Vou contigo, Capacidade inclusiva, Servizos de proximidade, Voluntariado ambiental, Familia e comunidade e Envellecemento inclusivo. O importe total concedido foi de 892.865 €. O reto agora é responder cada día, facer todo o que hai que facer cando se acompaña a outras pesoas para que a súa vida sexa mellor: coidarme, coidarte, coidarnos.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias