Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/01/2024 | Semilleros 2

Cultivando a atención 2

Porque o secreto do noso futuro está na nosa rutina diaria

02/01/2024 | A Limia

Estreamos o 2024 e continuamos na liña da derradeira entrada do 2023. Diciamos que nestas datas, fin de ano/comezo do actual, é costume repasar como foi; unha maneira de cultivar a atención. Sendo conscientes da economía e mesmo do déficit da mesma. Da debilidade que esta, a atención, ten polo extravagante, polo rechamante. Resulta que a nosa aposta é polo cotiá, polo valor do día a día; sabemos que o secreto do noso futuro está escondido na nosa rutina diaria. Seguimos pois coas informacións, datos, achegas dalgúns dos nosos programas, do noso traballo:
1.O servizo "xantar a domicilio" ou “xanta na casa” que comezamos a finais do século pasado na reitoral de Lodoselo co comedor comunitario, nos primeiros anos só in situ, non só propicia unha alimentación de calidade, equilibrada e adaptada ás persoas participantes, senón que ademais, é, entre outras, un servizo de proximidade que favorece o retraso na institucionalización das persoas.
Con datos de decembro a modo de exemplo fixeron esta comida no Centro sobre 40 persoas cada día e repartíronse máis de 120 bandexas por máis de 34 pobos de cinco concellos diferentes. Este reparto diario supón facer 173 quilómetros con tres vehículos y rutas. Tamén se recolle a xente nos seus domicilios para levalos ó Centro Lodoselo, que de novo son transportados ás súas casas cada xornada. Aquí estamos a falar de 184 Km. Xa van 357 Km! E habería que engadir outros que xa son semanais (reparto de alimentos ou puntuais coma os acompañamentos).   
Educadoras/es, educadora social, psicóloga, traballadoras/es sociais, terapeutas ocupacionais, técnicas sociosanitarias, fisioterapeutas que nalgúns casos non só atenden ás persoas no Centro de Inclusión senón a domicilio. Persoal do Centro, do servizo de transporte,  de cociña, as persoas encargadas de preparar con elas as bandexas, facer diariamente o reparto, atender e coidar a cada unha das persoas que non só reciben os alimentos adecuados, tamén o encontro, a visita, un tempiño de calidez, de calidade humana.
Son moitas as persoas que o fan e o fixeron posible; tamén as que contribuíron e as que o seguen a facer. Lembrar ás que o fan dende as oficinas ata as persoas que fan o mantemento e reparan avarías na infraestrutura (electrodomésticos, vehículos, etc). Mesmo todas as que colaboran doutras maneiras: doando alimentos, axudando no reparto, achegándonos información que mellora o noso traballo, etc.
Velaquí algúns datos de participantes, beneficiarias/os: do comedor (158); dos servizos a domicilio e no centro de tipo terapéutico e psicosocial (66). As actividades de participación social e grupal que teñen unha participación moi alta e estable ó longo do ano (64), alfabetización dixital (44); Os produtos de apoio (axudas técnicas) solicitados por parte da comunidade e que se atenderon (24) ou as 69 persoas que pasaron polo servizo de atención psicolóxica no 2023; participantes de FAIN, Inclusión, Galicia acolledora ou mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.
2. Na Casa Niño estreamos educadora. Non é nova no CDR pero levaba outros programas. Dinos que “nestes tres meses da experiencia destacaría que é un proxecto que sempre me gustou e por fin tiven a oportunidade de adentrarme nel e descubrir o pequeniño gran de area que lle aportamos a eses pequenos do rural e as súas familias. Que dure moitos anos mais”
3. Placas fotovoltaicas. Dende o CDR O Viso non queremos facer unha pegada negativa sobre o medio e por iso neste pasado 2023 finalizamos, a metade de ano, a instalación de placas fotovoltaicas; puxéranse placas térmica xa cando se construíu. Nestes 6 meses a produción de enerxía eléctrica polos paneis fotovoltaicos para este Centro supuxo un 31% do total consumido. A isto temos que engadir que outra parte da enerxía estámola a producir mediante aerotermia, que tamén ten un menor impacto no vertido de gases de efecto invernadoiro. A modo de balance poderiamos dicir que deixamos de verter ó medio o equivalente a 3,17 toneladas de CO2. Outra equivalencia, máis ambiental, sería como se tiveramos ó lado 5 árbores de gran porte que consumirían ese vertido coa súa actividade fotosintetizadora; árbores que respectamos e mantemos coa súa estrutura, coa súa arquitectura; a que determina o seu xenoma. Esta é unha contribución máis ó desenvolvemento do Medio Rural. Testificamos unha maneira de facer que deixa unha menor pegada, un menor deterioro no medio no que nos desenvolvemos.
4. Vivenda comunitaria “A túa outra casa”. Aquí estiveron ó longo do ano, case sempre, as 12 prazas ocupadas. Segue a ser a nosa aposta dende o ano 2002 por un modelo de convivencia que se acerque na medida do posible, ós modos de vida normalizados e que supoña, unha alternativa de continuidade á vivenda habitual. 
5. E... Outras. En harmonía co medio; porque os coidados inclúen o territorio. Non coma un espazo a expoliar senón co vínculo que conleva o saber que forma parte de nós, coa obriga da responsabilidade que xera o aprecio do valioso e a esixencia de corresponder. É o noso soporte vital. Producimos alimentos que nutren; con prácticas centradas na restauración do chan e favorecendo a biodiversidade. Producimos non só para obter as colleitas, tamén para alimentar a vida do chan. Facemos investigación para a recuperación, recolección e almacenaxe de sementes de variedades  autóctonas da comarca da Limia (Banco de sementes)
Hortas, fincas, lameiras e lameiros, pasteiros, poulas, soutos e comunais... Entre 10 e 13  hectáreas. Ovellas, abellas, Terra ( a burra), coellos, aves (galos e galiñas, pavos, patos – corredores indios e mudos-, ocas), Eo e Muma (cans), gato... Todos os días, pisando terra. Somos terra.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias