Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/01/2026 | Ovellas na neve

Na primavera é pastor calquera

E cando necesitamos axuda temos a sorte de que outras persoas e institucións están aí para brindala

24/01/2026

Estes días coa visita da neve gozamos dunhas vistas espectaculares; aínda que afeitos a mirar a nosa paisaxe, moi humanizada, e atentos a ver estampas tan diferentes cada día pola luz, o ceo, a néboa... a neve ten ese encanto que nos segue a fascinar. Pasear hoxe pisándoa e vendo o mesmo de todos os días tan diferente é outro dos praceres que reconstitúen a un. 
Pero ó mesmo tempo fai difícil outras faenas que habitualmente desenvolvemos sen maiores atrancos; acceder a moitos dos lugares onde chegamos coa comida é un deles. Onte non demos chegado a bastantes domicilios porque nos sorprendeu a borrasca Ingrid. Hoxe tivemos a sorte de poder contar coa boa disposición dos alcaldes ós que chamamos (Cualedro, Sarreaus e Xinzo) para que nos botaran unha man e coa maquinaria e a xente de protección civil e policía municipal conseguimos que as bandexas de comida chegaran a todos os fogares.
Destacamos e agradecemos unha vez máis a proximidade de toda esta xente (o Nica, o Luciano, o Paco, o Amador, o Suso, o Sindo, o José Ángel, o Anxo, a Kati...) e queremos difundilo porque cando todo parece que vai mal nós somos dos que queremos puntualizar que van mal moitas cousas, pero nin moito menos todo. O cotiá achéganos actuacións investidas de fins éticos, pequenos detalles que din moito porque cimentan todo o demais e recórdanos que a comunitaria e a nosa forma natural. Graciñas. Moitas, porque tamén somos o que agradecemos e o que ben se agradece medra e solece.        

Arquivada en:
Infórmate > Noticias