Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 15/11/2025 | Limpando o Camiño

Limpando o Camiño II

Fomentando a concienciación ambiental e o desenvolvemento sostible

15/11/2025

O Centro de Desenvolvemento do Rural O Viso organiza de novo unha xornada de recollida de lixo comunitaria en colaboración co Concello de Sandiás.
O sábado 29 de novembro de 2025, o CDR O VISO, en colaboración co Concello de Sandiás, levará a cabo unha actividade de recollida de lixo comunitaria nun tramo circular de 5 km no entorno natural das Areeiras da Limia, consideradas como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
No seu pasado e presente, as Areeiras foron e son explotacións extractivas de area a ceo aberto, sendo posteriormente abandonadas para a súa futura transformación en ecosistemas lénticos, co obxectivo de contribuír á recuperación da biodiversidade existente na Lagoa de Antela.
A recollida, aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Sandiás e dos municipios próximos, comezará ás 11:00 horas. Antes de iniciar a actividade, os organizadores ofrecerán unha breve introdución de boas prácticas ambientais e explicarán o desenvolvemento da xornada. Proporcionaranse materiais de limpeza (luvas e bolsas) para garantir o bo desenvolvemento da actividade, que rematará cunha pequena merenda para recuperar forzas despois do traballo realizado.
Os obxectivos da xornada son:
• Promover a conciencia ambiental entre as persoas participantes e a súa colaboración na protección e conservación dos espazos naturais.
• Fomentar a inclusión e participación equitativa, fortalecendo o tecido social.
• Limpar e restaurar o entorno natural, un hábitat de alto valor ecolóxico.
Debido a que o espazo é algo labiríntico e se require o uso de vehículo para chegar ao punto de partida, establécense dous puntos de encontro ás 10:45 horas:
• Sandiás: Campo de San Nicolás, 2.
• Xinzo de Limia: Rúa Sitibal, 1.
O punto de encontro final será no observatorio de barro das Areeiras de Sandiás ás 11:00 horas.
A actividade forma parte das accións conxuntas para fomentar a concienciación ambiental e o desenvolvemento sostible, co obxectivo de protexer e preservar o patrimonio natural da rexión.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse previamente nas oficinas do Concello de Sandiás (988 465 001) ou a través do correo electrónico do CDR O Viso (areaambiental@cdroviso.org)
Esta actividade forma parte do programa Voluntariado Ambiental, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias