Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/10/2025 | Xornada de Cidadanía Inclusiva en Medina de Rioseco

O racismo, no rural, chama á porta pero non entra

Xornada de COCEDER: Cidadanía Inclusiva en Medina de Rioseco (Valladolid).

25/10/2025

As portas ábrense a quen se coñece, pero tamén a quen, amablemente, che pide entrar.
O racismo non é así. O racismo é un demo que se disfraza do que quere, pero con tanto desatino que sempre se lle acaba vendo o engano.
Disto falamos na Xornada de Cidadanía Inclusiva: Tecendo redes contra o racismo no medio rural, celebrada en Medina de Rioseco (Valladolid).
As nosas amigas do CDR El Sequillo foron as anfitrionas perfectas: abríronnos as portas con tódalas honras para compartir experiencias con profesionais de todo o Estado e deseñar, xuntos, as mellores estratexias para construír novas ruralidades con persoas de todo o mundo.
Aprender debe ser a máis vella costume da humanidade, e grazas a ela seguimos evolucionando como comunidade, como sociedade.
O medo é a alfombra que estende o demo do racismo para que nos refuxiemos en nós mesmos, nas nosas casas, sen saír, sen ver, sen oír nin falar.
Nós, pola contra, brindamos polas portas abertas, polos fogares onde sempre hai sitio para alguén novo, por ter amigos e amigas a quen invitar e a quen coñecer.
Esta actividade inclúese dentro do Programa Estatal de Cidadanía Inclusiva: combatindo o racismo e a xenofobia no Medio Rural levado a cabo por Coceder financiado polo  Ministerio de Derechos Sociales Consumo y Agenda 2030 dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. X Solidaria. E do Programa Integral do CDR O Viso, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias