Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 27/02/2025 | Tapicería VG: relevo

O CDR axuda na busca de relevo xeracional

26/02/2025 | A Limia

A última tapicería da comarca está próxima a pechar pola xubilación do seu dono, Paco Vázquez.
A perda de servizos e recursos no rural é a principal ameaza tamén na Limia. O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso axúdalle agora, a través dos seus proxectos contra o despoboamento, á última tapicería do centro da provincia, en Xinzo de Limia, ante a xubilación da familia que a fundou e rexentou nos últimos 40 anos.
“Houbo que irse adaptando ás demandas da xente e nunca tantas restauracións de mobles fixemos coma actualmente” explica Paco ó equipo de dinamización rural do CDR O Viso que está apoiando na busca de relevo xeracional.
Mila Rodríguez, do CDR O Viso, informa que “confiamos en que sexa xente da comarca a que aproveite esta oportunidade pero tamén o difundimos a través da plataforma Volveralpueblo.org coa que lle axudamos a familias que queren cambiar as cidades polos pobos”.
A tapicería VG, situada nas inmediacións do CEIP Carlos Casares, viu como diferentes xeracións lle deron unha nova vida ós seus sofás, cadeiras e moblería en xeral e agora busca quen lle siga dando vida a ela.
O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Ademais, o programa de vivenda rural, proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de España.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias