Accesibilidad

Noticias 

© Fundación PEM | 21/02/2025 | Fundación PEM

Colaboramos no Proxecto “Estudo de prácticas participadas efectivas na abordaxe dos riscos da soidade non desexada en persoas maiores”

21/02/2025

Este pasado xoves, 20 de febreiro,  tivo lugar un encontro onde se tenderon lazos entre Galicia e Cantabria. A Fundación Padroado Europeo de Maiores (PEM), entidade sen ánimo de lucro dedicada ó fomento do envellecemento activo e ós dereitos das persoas maiores en Cantabria está a preparar un informe con bos exemplos de iniciativas de participación comunitaria dedicadas a maiores. O obxectivo do estudo é poñer en valor proxectos e prácticas que fomentan a participación activa real das persoas maiores nas súas comunidades, promovendo a autoxestión e os lazos sociais para paliar así a soidade non desexada destas persoas.
Vendo as claras similitudes entre os obxectivos do informe e os do CDR O Viso, unha investigadora da Fundación, Ana Castro Pujalte, entrevistou ó voceiro do CDR, Antonio R. Corbal, para entender mellor o labor que se fai e considerar a súa inclusión no informe, que será publicado a principios de maio de 2025.
Dixérannos que estaban a facer un informe de boas prácticas sobre proxectos comunitarios dirixidos a maiores e que lles parecía que encaixabamos ben no que buscan. Que desde a PEM teñen unha visión crítica do que supón abordar a famosa "soidade non desexada", que lles gusta enfocalo desde o comunitario.
A Fundación Padroado Europeo de Maiores e da Solidariedade Interxeracional (PEM) é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito  nacional que nace en Madrid no 1994. Ten a súa sede en Santander (Cantabria) e traballa en alianza coa Asociación Cultural UNATE, a Universidade Permanente. O Grupo Social UNATE é a alianza de entidades e proxectos que traballa con e polas persoas maiores. Cun enfoque de dereitos humanos e unha acción transversal, o Grupo Social UNATE desenvolve un intenso labor de incidencia para modificar os imaxinarios idadistas na nosa sociedade.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias