Noticias
© CDR O Viso | 01/09/2023 | Concilia verano 2023
O que mellor facemos é confiar na Infancia
Punto e final dos campamentos Concilia de Verán 2023
01/09/2023
Máis de 140 nenas e nenos da comarca da Limia pasaron por Lodoselo ó longo dos meses de xullo e agosto para participaren no campamento Concilia de Verán. No #CDR O Viso vimos traballando nos últimos anos a prol da conciliación da vida persoal, familiar e laboral na Limia, e o campamento de verán é a mostra máis evidente. Ademais de facer posible que as familias poidan xestionar os seus tempos de traballo e outras cuestións persoais, o que marca o noso camiño educativo é o compromiso absoluto coa infancia: un lugar seguro, un espazo de coidados, un respecto absoluto á individualidade.
Foi un pracer inmenso ver como había quen estaba desexando ir sacar as ovellas, outras que lles gustaba máis “acomodar” as aves… ver como lles prestaba ir onde as persoas maiores para enredar, xogar, dar un paseo e ver que cada día se coñecían un pouco máis e se chamaban polo nome… Para nós é fundamental que as nenas e nenos teñan experiencias comunitarias e que iso sexa un pracer para eles, non unha obriga. Pero tamén foi fundamental a diversión máxima en actividades como ir á piscina a Vilaseca, gravar vídeo clips, participar nas Olimpíadas rurais inclusivas, mollarse na pía grande da Lama (un dos tanques que no seu momento se fixera como bebedoiro dos animais e que seguimos empregando)…
Un campamento de verán inesquecible porque toda actividade ten un sentido comunitario e ambiental, porque a nosa única norma no Concilia e na vida é : Coidarme, Coidarte e Coidarnos; porque confiamos plenamente na infancia e contamos con elas e eles en todo momento, ese é o noso máximo logro. Cómpre poñer en valor o traballo do equipo educativo do Concilia, con perfís moi diversos e cunha sólida base de saber ser e saber estar coa infancia: un equipo que desfruta, que aprende, que coida, que está comprometido co territorio.
Agradecémoslles as axudas e compañía neste Concilia Inesquecible a Pili e ó Eloi, á Rosa, ó Toño, ás persoas do centro de inclusión, á Loli, ás Miriam, ó Jesús (Rutas) e a todo o persoal do CDR que nos alentou todo o verán. Grazas ó Concello de #Trasmiras por permitirnos o uso e goce da piscina de Vilaseca, ó Concello de #Sarreaus por recibirnos un día de feira, ó #Concello de Xinzo de Limia polo uso das piscinas exteriores, ó Concello de #Vilar de Santos por facilitarnos a visita ó #Museo da Limia, á xente da #Civitas Limicorum por darnos a coñecer por dentro a #Festa do Esquecemento, á xente de #Xituma Batuke polos ritmos improvisados e a todas as persoas que o fixestes posible. Graciñas. Moitas.
Esta actividade está financiada pola #Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e pola #Deputación provincial de Ourense a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.
https://www.kizoa.com/Video-Editor/d400783657k9498529o1l1/Concilia_Vern_2023
Arquivada en:
Infórmate > Noticias