Noticias
© CDR O Viso | 22/08/2023 | Cartel coidarme, coidarte, coidarnos
Non só no verán. Tamén en agosto
O valor do cotiá
22/08/2023 | A Limia
Velaquí unha entrada que non estaba prevista. Son as achegas que todas e cada unha das persoas ás que lle pedimos axuda enviaron para un programa de Radio Limia, una petición que Álvaro, da cadena ser me fixera como voceiro do CDR. Moitísimas grazas a todas/os. A proposta era comentarmos a recente axuda da deputación, as olimpíadas e máis as actividades de verán. E claro, nós non pechamos no verán. A nova é que tamén no verán se seguen as actividades do día a día. Compartimos a través deste medio as colaboracións que as persoas enviaron:
- O Concilia de verán en Lodoselo está sendo unha verdadeira gozada. Máis de 130 rapazas e rapaces participando nun campamento rural que xa vai ser inesquecible para todas e todos nós.
Tratamos de que un espazo que está pensado para a conciliación das familias, sexa un lugar de aprendizaxes compartidas, vivencias auténticas e moita diversión.
Para nós é fundamental que as nenas e nenos teñan experiencias comunitarias e que iso sexa un pracer para eles, non unha obriga.
Ver como hai quen está desexando ir sacar as ovellas cada mañá, outras que lles gusta máis “acomodar” as aves, os coellos… ver como lles presta ir onde as persoas maiores para enredar, xogar, dar un paseo e ver que cada día se coñecen un pouco máis e se chaman polo nome…
Ademais este ano aumentamos o equipo educativo e cambiamos a metodoloxía, adaptándoa máis a idades e necesidades do grupo.
Este ano tamén estamos indo á piscina a Vilaseca, no concello de Trasmiras, porque lle damos importancia a que teñan a disposición os recursos que hai en toda a comarca, non só en Xinzo, facemos novas receitas no forno do pobo, paseamos na burra “Terra”, facemos de indias e indios e coñecemos esa cultura indíxena, viaxamos na máquina do tempo ou facemos cine… ata gravamos un videoclip!
O máis importante é que toda a actividade ten un sentido comunitario e ambiental, porque a nosa única norma no Concilia é : Coidarme, Coidarte e Coidarnos.
Confiamos plenamente na infancia e contamos con elas e eles en todo momento, ese é o noso máximo empeño e logro; e nós, o equipo educativo, ademais dun grande traballo de organización e planificación, aprendemos e gozamos canda eles cada día. (Lucía)
- P. de Emerxencias. Non é solo de verán. Aquí a nova é que tamén é no verán. Seguimos a realizar repartos. Grazas á colaboración dos supermercados, podemos atender ás persoas que máis o precisan chegando a ter que poñer unha pequena lista de espera debido á gran cantidade de persoas que se están a atender.
As persoas do centro de inclusión, están a axudar na elaboración dos lotes individualizados que se fan para as diferentes unidades familiares.
Onte mesmo falábanme de 1000 € en froita. Avisamos a Cáritas para darlle saída inmediatamente. Coa calor bótase a perder se non andamos lixeiros. (Joel)
- Olimpíadas: a organización está sendo moito máis colaborativa ca o ano pasado por ser xa a II edición. Xa hai inscritos 8 equipos (tantos coma o ano pasado) e faltan 11 días. Temos tamén xa a colaboración de 5 negocios relacionados co deporte, 8 clubes deportivos e outras entidades do eido social coma Limisi.
- Volveralpueblo: das catro familias que chegaron á Limia unicamente polo noso asesoramento e acompañamento xa traballan 4 persoas. Unha de cada familia, que era o obxectivo. Vaia, que non temos a ninguén buscando emprego. Traballan 2 na construción, 1 na gandeiría e 1 na hostalaría. Ademais, axudamos ó asentamento doutras 8 familias. A nivel cuantitativo imos ter menos familias/xente ca o ano pasado pero con plans máis sólidos así que cualitativamente demos un salto notable neste 2023 cunha metodoloxía moito máis pedagóxica.(Camilo)
- POISES. Atendendo arredor dunhas 18 persoas con itinerarios de inserción sociolaboral. Estas persoas poden realizar formación gratuíta online dende este proxecto que as axuda a especializarse cara o mercado laboral, así como traballar con elas as competencias prelaborais (cv, entrevistas, portais de emprego, formacións...). (Alba)
- Transformación dixital. Durante os meses de Xullo, Agosto e Setembro atopámonos inmersos na creación dunha aplicación para os habitantes da comarca cuxa finalidade consistirá en ter nunha única aplicación, un conxunto de recursos que pode ofrecernos a zona da Limia co fin de potenciar e dar a coñecer aqueles servizos quizais non tan coñecidos entre os nosos habitantes e entre aqueles turistas que queiran coñecer as bondades que ofrece a comarca.
Para iso estamos a colaborar cunha consultaría de desenvolvemento web (ser rural web) que son os encargados de crear a aplicación.
Estamos a recompilar todo tipo de servizos que pode abarcar desde horarios de autobuses, servizos sanitarios, centros de alimentación ou mesmo comercio de proximidade local ata outro tipo de servizos como a recompilación de elementos patrimoniais que ofrece a comarca e outros servizos de tipo cultural.
Todos estes servizos van ter creados un punto xeolocalizado coa finalidade de que un usuario da aplicación poida ver unha listaxe de servizos próximos á súa localización. Tamén se poderán buscar servizos dentro da aplicación coma se dun directorio se tratase, á maneira dun páxinas galegas pero limitado á zona da Limia.
Temos planificada presentar esta aplicación ao público durante o último trimestre deste ano. (David)
- Biocoidados. Seguimos co desenvolvemento de proxectos individuais. Acompañando e posibilitando, na medida das nosas posibilidades o plans de vida.
Tamén pechando a calendarización das actividades a desenvolver no mes de setembro, sobre todo, con FEGADACE:
- Charlas/sesións informativas (1h. aprox.) e formativas (entre 8 e 50 h.) sobre o Dano Cerebral Adquirido
- Cineforum (Guadalupe)
- FAIN. No verán seguimos coa programación habitual: Levamos a cabo talleres de Saúde e Coidado e Alfabetización cos adultos. Grupos de Educación non formal coas nenas e os nenos. E actividades de Participación Comunitaria para toda a unidade familiar.(Estela)
- O Centro de Inclusión Lodoselo é un centro de promoción da autonomía e prevención da dependencia. As intervencións enmárcanse no modelo centrado na persoa programando actividades baseadas nas necesidades das persoas e tendo en conta, na medida do posible, a historia vital das mesmas.
Propomos unha intervención integral potenciando moito a escoita activa e a participación social e actuando tanto ca persoa beneficiaria como ca súa rede social. A nosa proposta ten un carácter interxeracional e comunitaria, no que promovemos actuacións nas que todas as persoas poidan participar e interactuar.
O centro ten unha parte similar ao que sería un centro de día durante a maior parte da xornada onde persoas maiores, con discapacidade e/ou en risco de exclusión social fan actividades de tipo terapéutico (sesións de rehabilitación físico-funcional, estimulación sensorial e cognitiva, ximnasia grupal, ludoterapia, asesoramento e préstamo de produtos de apoio…) e onde tamén teñen cabida os coidados mais básicos (servizo de hixiene, podoloxía, lavandaría, xantares con menús saudables e adaptados).
E por outra banda tamén se fan actividades tipo envellecemento activo para toda a veciñanza da zona (obradoiro de memoria, alfabetización dixital, ximnasia suave e relajación, asi como xornadas formativas de interese para a comunidade) en horario de tarde.
Entendemos que Facer comunidade establecendo relacións fortes e de confianza é básico para que as nosas intervencións repercutan dunha forma directa na calidade de vida das persoas e así conseguir o noso obxectivo fundamental que é que estas poidan permanecer nos seus fogares nas mellores condicións e o maior tempo posible. (Helena)
- Vivenda comunitaria. Atención de calidade individual e grupal nun entorno comunitario, tratando de manter e ata mellorar a súa autonomía, garantindo o seu benestar. Época de máis visitas (sobre todo familiares, veciñas/os que están fóra), saídas... (Mª José)
- Casa Niño. Lucía pasoulle a titularidade a Anabel, que ata agora era a responsable do programa de ed. Infantil familiar na Limia.
Temos as 5 prazas cubertas e con previsión de comezar o día 1 de setembro. (Anabel)
- Equipo directivo/xestión: Sala de máquinas (ese traballo “invisible” e clave para que todo flúa: instalacións e recursos, cadrar horarios, tendo en conta as vacacións, baixas... Na actualidade máis de 50 traballadoras/es como persoal laboral. E respondendo á administración. Sorprendentemente estamos coas peticións de subvencións: na última semana de xullo e 1ª de agosto saíron as principais para nós: IRPF (13 ou 14 programas), inclusión e programas de cooperación (emprego).(Carmen)
Arquivada en:
Infórmate > Noticias