Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 27/10/2025 | Tecedoiras

Tecendo Redes. Coidando-NÓS: acompañamos a quen máis o precisa na Limia

O coidado, non como un acto senón como unha actitude fundamental

27/10/2025

No proxecto Tecendo Redes. Coidando-NÓS acompañamos a persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade da comarca da Limia. Facémolo dende a proximidade e o coidado, ofrecendo apoio tanto en consultas médicas como en trámites administrativos que moitas veces resultan complexos.
Hai quen precisa orientación para chegar ao hospital ou atopar a consulta, e quen busca simplemente non estar soa nun momento difícil: unha operación, a espera dun resultado ou unha cita que xera nervios. Nestes casos, Aine e Tania, as profesionais do equipo, están presentes para ofrecer tranquilidade, comprensión e acompañamento emocional.
Tamén acompañamos a persoas que deben facer xestións como a solicitude da dependencia, o bono social da luz ou outras axudas públicas. A través da orientación e o apoio personalizado, conseguimos que estes trámites sexan máis accesibles e menos estresantes.
Traballamos en coordinación cos servizos sociais da comarca, entre eles o de Trasmiras, o que nos permite dar unha resposta próxima, humana e adaptada ás necesidades de cada persoa.
Como explica Tania, traballadora social,
“Non só facilitamos xestións prácticas, tamén ofrecemos seguridade e confianza a quen afronta situacións delicadas en soidade.”
En Tecendo Redes. Coidando-NÓS seguimos poñendo no centro ás persoas, fortalecendo os vínculos comunitarios e facendo do rural un espazo de coidado, apoio mutuo e vida compartida.
#ConvocatoriasProyectosSociales #FundaciónlaCaixa #ProxectosSocialesGalicia2024
 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias