Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 16/10/2025 | Despoboamento

En catro de cada dez fogares da Limia só vive unha persoa

16/10/2025

A Oficina de Vivenda Rural do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso vén de publicar os primeiros datos relativos ás vivendas na comarca. Este servizo de asesoramento e apoio ás persoas propietarias é unha liña de traballo xa consolidada no CDR que se formalizou no presente curso cunha liña de financiamento europea encamiñada á consecución dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable (ODS).
A mellora deste servizo permitiu, entre outras vantaxes, participar de diferentes Grupos de Traballo e Investigacións que ofrecen datos obxectivos cos que analizar a situación residencial e demográfica do rural ourensán. Este estudo permitiu saber que a media de persoas que viven en cada fogar na Limia é de 2,1, sendo lixeiramente superior (2,35) no concello cabeza de comarca, Xinzo de Limia.
As investigacións manexan datos dos 11 concellos limiaos que constatan unha perda de poboación alarmante. Nos últimos vinte anos, A Limia perdeu 5154 habitantes, o que supón un 30% da poboación que vivía na comarca a comezos do século. Este dato é especialmente dramático en concellos coma Calvos de Randín, que perdeu en vinte anos o 46,86% da súa poboación ou Sarreaus, cun 40,61%.
Esta información pode permitir que as Administracións e axentes implicados deseñen estratexias adaptadas ós territorios co fin de garantir a súa eficacia. Os Centros de Desenvolvemento Rural de Ourense, Portas Abertas en Verín e O Viso na Limia veñen xa traballando en mensaxes inspiradoras respecto do  futuro do medio rural que se recolle na súa campaña ExVIR (“É por vir”).
O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF. Ademais, o programa de vivenda rural, que inclúe proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo mesmo ministerio para actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible en España.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias