Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/09/2025 | Aula de madrugadores set. 2025

Co comezo do curso escolar o CDR O Viso activa de novo a aula de madrugadores nos CEIP de Sandiás e Sarreaus

25/09/2025

Un ano máis, co arranque do curso escolar o día 8 de setembro, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso pon en marcha o servizo da aula de madrugadores nos colexios de Sandiás e Sarreaus, como resposta ás necesidades das familias da comarca. Este servizo ofrecerase a partir das 8:00 da mañá, co fin de facilitar a conciliación da xornada laboral co horario escolar dos centros.
O obxectivo principal desta aula é cubrir a necesidade que moitas nais e pais teñen cando o comezo das súas xornadas laborais se solapa cos horarios escolares dos seus fillos. A aula de madrugadores procura, ademais, garantir que as crianzas dispoñan de momentos de lecer, xogo libre e convivencia, contribuíndo a que o inicio da xornada escolar sexa máis acolledor e flexible. En ocasións, tamén se aproveita para compartir xuntos o almorzo, se as familias así o desexan, o que supón unha axuda ao seu tempo como un momento de encontro e tranquilidade antes de que comece o horario lectivo habitual.
Como sinala Belén, responsable da aula de madrugadores en Sarreaus, «é fundamental que os colexios rurais dispoñan de iniciativas coma esta para evitar que nenos e nenas teñan que abandonar os seus centros. Este tipo de servizos non só facilitan a conciliación da vida familiar e laboral, senón que tamén contribúen a reforzar a comunidade educativa, pois permiten que o alumnado se sinta apoiado dende primeiros momentos do día, con actividades lúdicas, convivencia e un ambiente máis acolledor antes de comezar as clases».
As familias interesadas no servizo de madrugadores poden dirixirse ao colexio correspondente ou ao CDR O Viso para obter información sobre horarios, días de uso, custes, prazas dispoñibles e procedemento de inscrición. Este espazo evidencia a importancia crecentemente recoñecida de medidas que promovan a conciliación da vida laboral, persoal e escolar nas zonas rurais, onde as distancias e as rixideces de transporte ou horarios poden supoñer barreiras adicionais.
Esta actividade forma parte do programa Concilia Rural, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias