Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 21/11/2023 | Campaña 25 N 2023

Mantemos a mensaxe 25 N: ABRE OS OLLOS

Nenas, nenos e a xuventude da comarca protagonizan esta campaña contra as violencias machistas

21/11/2023 | A Limia

A área educativa do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso atópase inmersa na fase máis intensiva da campaña polo día contra as violencias machistas que culmina o 25 de novembro e que ten á poboación escolar como protagonista indiscutible.
O CDR dirixe a súa acción comunitaria nesta materia á poboación máis nova da comarca. Dende fai un mes vense promovendo cun grupo de mozas e mozos un proxecto audiovisual que sairá á luz proximamente e que está escrito, dirixido e protagonizado por 6 rapazas e rapaces da Limia. Tamén  se está traballando coa mocidade no IES Lagoa de Antela, con quen se mantén unha relación de colaboración permanente que se aproveita para incidir agora nun tema imprescindible para o presente e o futuro dos pobos limiaos.
En paralelo achegamos tamén esta campaña ós colexios de educación infantil e primaria doutros concellos da comarca. O equipo educativo do CDR xa visitou o dos Blancos e o de Sandiás e nos próximos días continuará en Rairiz de Veiga, Vilar de Barrio, Baltar e Sarreaus. Tanto en Infantil coma en Primaria incidimos arredor da educación emocional, dos coidados, do bo trato e da relación comunitaria como ferramenta de transformación individual e social.
Así as cousas, o CDR quixo que fosen as nenas e os nenos da comarca quen protagonizasen esta campaña contra as violencias machistas por ser a semente do futuro que está por vir onde as persoas poidan e queiran “coidar e coidarse”.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias