Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/02/2026 | Aulas de madrugadores web 1

Unha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral de nais e pais

As aulas de madrugadores en Sandiás e Sarreaus

25/02/2026

Logo duns días de troula nos que os disfraces e as carautas foron os grandes protagonistas, os máis pequenos e pequenas retomaron a actividade lectiva e, con ela, tamén regresou a aula de madrugadores.
Este servizo, que se vén desenvolvendo desde hai tempo nos concellos de Sandías e Sarreaus, consolídase como un recurso fundamental para moitas familias da contorna. A aula de madrugadores permite que o alumnado poida acceder ao centro educativo antes do inicio da xornada escolar, nun espazo seguro, atendido e adaptado ás súas necesidades.
Durante este tempo previo ás clases, os nenos e nenas participan en actividades lúdicas e educativas, favorecendo unha entrada progresiva e tranquila á rutina diaria. Ademais de fomentar a convivencia e a socialización, este servizo contribúe a crear hábitos e a reforzar valores como o respecto, a cooperación e a autonomía.
A aula de madrugadores continuará en funcionamento ata o mes de xuño, seguindo o calendario escolar oficial. Deste xeito, mantense como unha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral de nais e pais, ofrecendo unha solución práctica e eficaz para organizar os horarios diarios.
Desde os concellos valórase moi positivamente a acollida deste servizo, que responde a unha demanda real das familias e reafirma o compromiso municipal co benestar da infancia e co apoio á conciliación.
Esta actividade é un exemplo máis da colaboración entre institucións xa que é posible grazas á ANPA do Ceip de Sarreaus (Asociación de Nais e Pais do Alumnado), ó Concello de Sarreaus, á A.P.A San Nicolás do Ceip de Sandiás, ó Concello de Sandiás e á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; tamén á Deputación provincial de Ourense  a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias