Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 18/02/2026 | ASPRONAGA. Entroido 2026

O grupo de ASPRONAGA, os convidados xeniais que cada ano nos visitan para vivir connosco o Entroido

Rodearnos de xente boa fainos mellores

18/02/2026

Estes días de Entroido e festa tivemos uns convidados xeniais que cada ano nos visitan para vivir connosco o Entroido do Triángulo Máxico. Trátase da asociación ASPRONAGA, un grupo de persoas marabillosas que nos demostran que a vida consiste en superarse cada día e, sobre todo, en desfrutala.
Para estar á altura da celebración, as nosas compañeiras Sara, Rosa e Puri preparáronlles uns menús case divinos nos que o cocido e as orellas foron os grandes protagonistas. Quedaron co bandullo cheo… e coa alma aínda máis.
Foron xornadas intensas nas que non pararon un intre. Xunto cos nosos educadores —Belén, Camilo e Mila— percorreron algunhas das citas máis emblemáticas, desde o Entroido de Xinzo ata a tradicional Misa da Bica de Laza pasando polo desfile e pancetada de Sarreaus . Tamén coceron pan no forno de Lodoselo e deron de comer ás pitas e ás ovelliñas, vivindo cada experiencia con ilusión e curiosidade.
Houbo tempo para todo: risas, bailes e momentos inesquecibles. Rubén regalounos imitacións dignas dos mellores humoristas; Laura, cos seus agarimosos “quérote moito”, conseguiu librarse dalgunha que outra tarefa; e Alberto, como bo afeccionado, non deixou de animar ao Dépor nin un só minutiño.
Alberto demostrou tamén a súa pericia ao volante, sendo quen de meter a furgoneta nun oco onde apenas cabería un mini. José dificilmente esquecerá esta visita, sobre todo pola malleira no futbolín; e Gago aínda debe estar algo mareado pola forza con que bateu a auga con sal para facer o pan.
Se falamos de saber de Entroidos, non hai quen lle faga sombra a Carlos: nin a programación da rexión alcanza o seu nivel de coñecemento. E como non lembrar a Luz, esa súper voluntaria que está sempre ao pé do canón, disposta a botar unha man en todo o que faga falta.

 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias