Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/11/2023 | Freixo 1

Solidariedade e veciñanza

Tecendo vínculos comunitarios no rural

20/11/2023 | Freixo (Sarreaus)

Xa hai bastantes anos que estamos asistindo ao afán por redescubrir as iniciativas solidarias e a potenciación dos vínculos comunitarios e relacionais no desenvolvemento das políticas sociais. Aínda que poda parecer que ditas iniciativas xorden da desvinculación por parte da administración pública, o certo é que se trata dun recurso complementario que pretende garantir a súa sostibilidade a longo prazo, debido á sobrecarga dos servizos públicos para dar resposta a necesidades cada vez máis complexas e ás demandas da poboación.
O escenario principal de participación e colaboración cidadá confórmao o círculo mais próximo, que no caso do noso rural está formado pola familia e a comunidade de veciños. As entidades sen ánimo de lucro e as institucións públicas trataron de potenciar o traballo no ámbito local mediante modelos de auto axuda comunitaria. O obxectivo perseguido é conseguir a implicación directa da cidadanía na abordaxe dos problemas sociais que afectan ás súas comunidades, favorecendo así o seu apoderamento.
Estas tendencias materialízanse tanto no noso país como en países veciños na creación de programas que perseguen o impulso de redes de solidariedade veciñal e de modelos de voluntariado de proximidade. É o caso do proxecto #Biocoidados, un proxecto de innovación social en materia de prevención da institucionalización, desinstitucionalización e desenvolvemento de servizos de apoio comunitarios no ámbito de coidados do noso medio rural.
Nesta liña, o pasado luns día 13 de novembro asistimos en Freixo á conclusión das diversas xornadas de cinefórum organizadas por FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido) en colaboración co #CDR O Viso, para dar difusión e xerar conciencia acerca do dano cerebral adquirido e as consecuencias que ocasiona. Un fito a destacar foi a solidariedade dunha veciña do pobo que cedeu o seu domicilio particular para a visualización dunha película debido a que a antiga escola de Freixo estaba inoperativa. Ao rematar, a veciñanza organizou un café para agradecer a iniciativa levada a cabo polas entidades.
Estas actuacións enmárcanse no proxecto BIOCOIDADOS: novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais; está vinculado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias