Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 09/11/2023 | Cocina de aprovechamiento

Gozando de dúas tardes de “cociña de aproveitamento” e “conversa saudable”

BIOCOIDADOS: novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais

09/11/2023 | Laroá

Rematadas en Laroá as sesións de “veciñanza saudable", onde tratamos a importancia dunha alimentación saudable, o exercicio na nosa vida cotiá, o benestar emocional na alimentación e no autocoidado, continuamos coas nosas reunións semanais… incorporando o aprendido á nosa cociña de aproveitamento, algo que sempre fixemos e que agora lemos nos artigos das revistas máis recoñecidas a nivel mundial.
Este ano foi rico en marmelo e mazás …. nas conversas falamos de poder facer do excedente de froita, un momento para compartir receitas, formas de cociñar e ter un bo tempo de conversa.
Dito e feito! Coa colaboración dun grupo numeroso de veciñas e veciños, conseguimos moitos marmelos e mazás, que recolleron e trouxeron das súas casas, e organizamos dous martes de cociña de aproveitamento e de conversa.
Unha tarde fixemos marmelo seguindo a receita tradicional (a que levan facendo toda a vida) e  cada persoa levou un recipiente coa proba para a casa.
Como foi todo un éxito, na tarde do 31 de outubro, para festexar o Samaín, decidimos facer dúas receitas con mazás; uns vasiños de iogur e mazá e unhas empanadillas tamén de mazá. Mentres se facían dedicamos a tarde a falar e seguir facendo comunidade. 
Unha vez tivemos a comida preparada foi un gusto tomar o café quentiño acompañado da sobremesa que con tanto cariño fixemos.
Dende os nosos pobos seguimos pondo en valor o que sempre fixemos e funciona; aproveitar os froitos que nos dá a terra, compartir receitas e un tempiño de “conversa saudable” en días de frío e choiva. 
Estas actuacións enmárcanse no proxecto BIOCOIDADOS: novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais; está vinculado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.
https://www.kizoa.com/Video-Editor/d402842689k9295409o1l1/Cocia_de_aproveitamento._Laro_2023

Arquivada en:
Infórmate > Noticias