Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 10/10/2023 | Covas 1

A Raíña Loba, a cabrita de ouro, a historia de... Covas

Sábados en familia

10/10/2023 | Os Blancos

Volvemos pasar un sábado en familia ben fermoso este sábado en Covas, no Concello dos Blancos. Coa Meli como guía percorremos a aldea primeiro e parte do monte despois. Ela pasou alí a infancia e paseamos ata a Aira da festa, o forno, o lavadoiro… Tamén nos amosou o lugar onde se xuntaba a veceira: cadaquén levaba as súas ovellas a esa encrucillada de camiños e cada día tocáballe á xente dunha familia levalas todas ó monte; á volta era curioso, dixo a Meli, que ían soíñas cara cadansúa corte…
As trinta persoas que participamos -dos tres anos ós sesenta e pico- gozamos de case tres horas de paseo mentres iamos escoitando as lendas que a Meli escoitara desde nena: a da Raíña Loba, a da cabrita de ouro, a historia de cando a veciñanza se negara a declarar as cabezas de gando polos abusivos impostos, entre outras. A esta riqueza do patrimonio oral hai que engadirlle o deleite de atoparnos cunha paisaxe esplendorosa entre penedos impoñentes, árbores autóctonas, a veiga, colmeares, cogumelos… Fixemos unha parada para a merenda na Fonte de Requeixo e volvemos cara Covas xa cos últimos raios do sol.
Graciñas á Meli por ser unha anfitrioa excepcional, ó Manolo e a todas as demais persoas que participaron na actividade, especialmente ás nenas e nenos, que nos ensinan a ver, a sentir, a vivir con outra mirada. Ata había unha representación dos Cuquexos, que ben se sabe o que lles presta lembrar aquilo de “Matastes á Reina Loba, Cuquexos e Pixeirós, matastes á Reina Loba, fidalgos quedastes vós.”
A actividade sábados en familia pretende fomentar un lecer saudable na comarca da Limia e arredores, poñendo en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico… e, sobre todo, o patrimonio humano. Está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e pola Deputación provincial de Ourense  a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias