Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 22/09/2023 | Charla Auria Laroá

A importancia do autocoidado en canto á saúde mental

Outra xornada coa Asociación Diabética Auria

22/09/2023 | Laroá

Coa chegada de setembro volvemos á rutina e ás actividades que se foron desenvolvendo ao longo do ano. Esta primavera, a Asociación Diabética AURIA, comezou coa difusión e realización dunhas xornadas informativas no pobo de Laroá, o cal presenciou xa no seu momento a referida ao exercicio físico e alimentación saudable na prevención da diabetes e a obesidade.
A terceira sesión foi impartida este martes, 19 de setembro, por unha profesional da psicoloxía para advertirnos da importancia do autocoidado en canto á saúde mental e como esta inflúe na nosa relación coa comida. A alimentación debe realizarse de maneira consciente, é dicir, sabendo e coñecendo o efecto que os alimentos teñen na nosa vida. Ademais, describiu o funcionamento do cortisol, hormona que se libera en resposta ao estrés e a un nivel baixo de glicosa en sangue e facilitounos unha serie de ferramentas para controlar e rebaixar o devandito estrés, entre elas as respiracións profundas e técnicas de relaxación, o mindfulness, o exercicio físico, o coidado da nosa autoestima e amor propio etc.
A sesión que culminará estas xornadas será impartida o día 3 de outubro ás 17:00h a mans dunha nutricionista do Centro de Saúde de Xinzo de Limia que acudirá ao centro social de Laroá para ofrecernos algunhas ferramentas prácticas útiles na prevención da diabetes e obesidade.
Queremos agradecer de novo a colaboración da Asociación Diabética AURIA pola promoción dos coidados e por achegar a información ao medio rural.
Estas actuacións enmárcanse no proxecto BIOCUIDADOS: novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rural; está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias